Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chega ó Congreso o aluvión de visitantes e 200 autocaravanas o domingo na Costa da Morte

Néstor Rego critica que se negase a mobilidade entre provincias galegas e esixe máis controis nas estradas

Cee. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou ao Executivo central pola presenza “masiva” de turistas en Galicia empregando diversos medios de transporte públicos e privados. A nova chega despois de que nacionalistas da Costa da Morte contabilizaran o domingo máis de 200 autocaravanas só entre Lariño e a praia de Muxía. Segundo o parlamentario, “isto supón un importante risco de rebrotes para a poboación galega e o Goberno español, que asumiu para si as competencias en restrición da mobilidade, non está cumprindo coa súa responsabilidade”.

Este xornal interesouse ante a Asociación Galega de Autocaravanas por se nestes días houbera algunha xuntanza de aficionados nesa zona, algo que negaron: “Non houbo nada” a nivel organizativo. Pero tamén rexeitaron “calquer invasión” destes vehículos, sinalando que “poida que se trate dun tema de tipo político”.

Tal como divulgaba Serxio Domínguez, concelleiro do Bloque ceense, na pasada fin de semana a afluencia de visitantes á bisbarra superou calquera expectativa e baremo que se poidera ter en datas similares: “Nun mes como o de maio, onde o turismo aínda non é masivo, poidemos observar atónitos como chegaban persoas de fora da provincia, algo non permitido na fase 2 na que aínda estamos”, subliñaba.

A realidade desta presenza constatouna o edil despois de percorrer o domingo pola tarde as praias e lugares habituais de estacionamento de autocaravanas, dando co aluvión deste tipo de vehículos que tamén este xornal poido corroborar ese mesmo día, pero no entorno bergantiñán ( a última hora da tarde e en dirección á autovía de Carballo). Segundo Domínguez, a estas alturas do ano este feito “sería impensable”, o que “demostra que con toda seguridade a grande parte delas son de fora da provincia” e Galicia.

Pola súa banda, Néstor Rego califica de “incomprensíbel” tal circunstancia, e coincide en que “houbo un empecinamento non xustificado en negar a posibilidade de se mover entre as provincias galegas, a pesar de estaren todas na mesma fase”. Hai que lembrar que nas primeiras previsións do Goberno central, establecíase que a mobilidade dos cidadáns entre provincias só se permitiría unha vez terminadas todas as fases da desescalada e así, no momento no que Galicia pasaba a fase 2, o gabinete Sánchez “negaba a posibilidade de mobilidade interprovincial”.

O deputado denuncia a “incoherencia” de non ter permitido a libre mobilidade en todo o territorio galego, como reclamara o BNG no Congreso, alegando a necesidade de seguir controlando os movementos da poboación, en canto non actúa para impedir os movementos de todo o Estado”. marcos manteiga

03 jun 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito