Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia está lonxe do obxectivo pero “os datos son esperanzadores”

A incidencia acumulada a 7 días baixou un 37% e a 14 días un 23%. Hai 41 casos confirmados da cepa británica. As unidades de críticos teñen unha ocupación total do 67%, o 40% con pacientes de COVID

A incidencia acumulada ten en Galicia unha marcada tendencia descendente, pero aínda queda por diante moito traballo. Así o confirmou a directora xeral de Saúde Pública, que compareceu este mércores en rolda de prensa co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente do Sergas, José Flores. Carmen Durán detallou que a 7 días, entre o 1 e o 9 de febreiro, a incidencia acumulada pasou de 336 a 235 casos por 100.000 habitantes, un 37% menos, e a 14 días pasou de 740 a 591, un 23% menos.

O número reproductivo instantáneo, é dicir, o número de contaxios que orixina un caso activo, está por debaixo do 0,8%. Do total de concellos, 20 non tiveron casos de COVID nos últimos 14 días, e 46 nos últimos 7 días.

Segundo Carmen Durán, as 7 grandes cidades galegas melloraron a súa taxa a 7 e 14 días, sendo A Coruña a que ten os valores máis altos. Aínda así, dixo, mellorou de forma substancial ao ter unha incidencia acumulada a 14 días de 697, e a 7 días de 305. Ourense pasou de 906 a 606 a 14 días, e de 381 a 225 en 7 días, mentres Pontevedra baixou de 650 a 595 en 14 días, e de 352 a 242 en 7.

Polo que respecta a Ferrol, alí a incidencia acumulada a 14 días baixou a 602, e a 7 días pasou de 297 a 257. No caso de Santiago, a 14 días pasou de 644 a 466 e a 7 días de 277 a 189. Lugo e Vigo son as cidades coas incidencias acumuladas máis baixas. En Lugo é de 384,6 a 14 días e de 181 a 7 días, e en Vigo de 367 a 14 días e de 143,6 a 7 días.

Son bos datos, sinalou a directora xeral de Saúde Pública, pero aínda están “moi lonxe do obxectivo. Debemos mellorar as taxas de xeito substancial”. En calquera caso, incidiu, as medidas restrictivas “están surtindo efecto”.

PROBAS DIAGNÓSTICAS

Outro dos aspectos destacados por Carmen Durán ten que ver coas probas diagnósticas. Galicia leva feitas preto de 170.00 sen contabilizar as de pooling en saliva. É, de feito, “a segunda comunidade autónoma coa mellor taxa de probas por cada 100.000 habitantes”.

No tocante aos cribados, a participación media nos mesmos é do 76% dos convocados. Entre as máis de 90.000 persoas que acudiron a eles, detectaron 201 positivos que, do contrario, “se terían convertido en 400 máis adiante, e despois en 600”. Para esta semana foron convocadas preto de 100.000 persoas, en cribados que se levarán a cabo en tódalas áreas sanitarias.

Durán confirmou ademais que a día de hoxe o número de casos da cepa británica é de 41.

SITUACIÓN ASISTENCIAL

O xerente do Sergas fixo un repaso pola situación asistencial de Galicia na que, pouco a pouco, tamén se vai reflectindo a tendencia descendente. Así, os médicos de Atención Primaria teñen desde a semana pasada case 6.000 pacientes menos con COVID. No seu domicilio recupéranse na actualidade 16.437 enfermos con coronavirus. As chamadas ao 061 baixaron, e sitúanse nunhas 3.000, das que o 20% teñen relación con esta pandemia.

Nas urxencias, e segundo José Flores, a ocupación “é boa entre comiñas”, e só A Coruña ten nivel 2 e Pontevedra nivel 1. As demais cidades teñen nivel basal. A ocupación dos circuitos COVID está, dependendo da área sanitaria, entre o 23 e o 40%.

Os plans de continxencia seguen activos. A Coruña segue en fase 3 tanto en hospitalización convencional como na unidade de críticos, Santiago mantén a fase 3 en críticos e baixou á fase 1 en planta, mentres Ferrol ten a fase 3 nos dous casos, e Lugo sube á 2 en críticos mentres mantén a fase 1 en hospitalización convencional. Nesta última Ourense está na fase 2, e na fase 3 en críticos. Pontevedra está na fase 2 en planta e na 3 en críticos, e Vigo na 1 en hospitalización convencional e na 2 en críticos.

A ocupación xeral das camas hospitalarias en Galicia baixou un 14% nos últimos 7 días, e é actualmente do 69%, o 13% delas con pacientes COVID. Na UCI a ocupación total é do 67%, e neste caso os enfermos con coronavirus supoñen o 40%. En opinión de José Flores, “estamos a uns días de notar os resultados das medidas na presión asistencial”. A actividade cirúrxica mantense como a pasada semana, e séguense a reprogramar as cirurxías que poden ocupar camas de críticos. Estase a facer, sinalou, una “programación prácticamente ao día pola epidemia”.

DATOS MOI ESPERANZADORES

Na rolda de prensa de hoxe tamén interviu o doutor Tato Vázquez Lima, membro do comité clínico, que quixo deixar claro que os médicos “debémonos aos nosos pacientes”. Cre que as medidas restrictivas “son efectivas”. Recoñece que “estamos aínda lonxe dunha incidencia acumulada por debaixo de 250, pero os datos son moi esperanzadores”.

O doutor Vázquez Lima deulle as grazas “á poboación que cumpre as normas e as medidas”, e pediu “sinalar e sancionar” a aqueles que non as respectan. Volveu incidir na importancia de facer “test, test, test e máis test. Canto antes detectemos a un paciente e o illemos, antes remataremos coa cadea epidemiolóxica evitando os contaxios”. Chamou a atención ademais sobre os pacientes con patoloxías distintas á COVID, “que sofren os efectos desta pandemia”.

10 feb 2021 / 13:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.