Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de 250 sanitarios pernoctaron nalgún dos 15 hoteis de garda en Galicia

Feijóo visitou en Santiago e Ourense dous destes establecementos, aos que lle agradeceu o seu labor e esforzo durante a pandemia

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou onte na compaña do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, dous dos establecementos turísticos de garda que ofreceron aloxamento ao persoal sanitario, traballadores esenciais e colectivos de risco durante o pico da pandemia, o Eurostars Gran Hotel, en Santiago de Compostela, e o Carrís Cardenal Quevedo, en Ourense.

En total, quince establecementos hostaleiros nas áreas dos principais hospitais da comunidade foron postos a disposición polo Goberno galego só para o persoal sanitario e de Política Social, aínda que chegaron a estar operativos en Galicia 128 aloxamentos no contexto da crise do coronavirus.

Grazas á colaboración dos profesionais do sector turístico, chegaron a empregar este servizo máis de 250 sanitarios e persoal de Política Social que, ou ben vivían lonxe do seu centro de traballo, ou ben querían protexer ao máximo á súa familia e preferiron pasar as noites lonxe dos seus domicilios particultares. Uns técnicos que chegaron a realizar nestes establecementos máis de 6.000 pernoctacións, según os datos que facilitou onte a Xunta con motivo da visita do presidente.

Entre os colectivos que puideron facer noite nestes nestes negocios, figuran militares e forzas e corpos de seguridade do Estado, sanitarios e transportistas, pero tamén persoal dos operadores de telecomunicacións e de centros de procesos de datos, de operación e mantemento da redes de transporte e distribución de electricidade, gas, auga, e de centrais de xeración de enerxía. Unha colaboración, a dos complexos turísticos, moi relevante á hora de frear a propagación pandémica e que motivou a Feijóo a realizar a visita de onte e destacar “o esforzo do sector”.

O presidente salientou ademais o esforzo que o conxunto do sector turístico está realizando para adaptarse á nova normalidade, e incidiu na importancia de traballar en conxunto para promocionar Galicia como un destino seguro e de alta calidade.

Un obxectivo que recolle o Plan de reactivación dos sectores turístico e cultural, dotado con 27 millóns de euros e centrado na reactivación da demanda e accións de promoción, na creación de novos produtos turísticos, no apoio ao tecido empresarial e o mantemento do emprego, así como na formación, a competitividade e a innovación. En definitiva, manter á comunidade na mira dos viaxeiros tras a difícil situación na que quedou o sector polo coronavirus, que lle causou a nivel estatal unhas perdas que se poden cuantificar nos 7.000 millóns de euros só en abril.

situación dos galegos polo mundo

··· Alberto Núñez Feijóo presidiu onte unha reunión telemática coa Comisión Delegada do Consello de Comun-idades Galegas para seguir a evolución da pandemia do coronavirus nos países cunha maior presenza galega.

··· En Europa a epidemia semella estar chegando a unha fase de certa estabilidade, mais en moitas rexións de América a ameaza está facéndose máis real a medida que avanza o outono e o inverno.

··· Feijóo manifestou grande preocupación pola situación dos galegos en Brasil, un dos países máis castigados polo covid-19; e Arxentina, con maior poboación orixinaria de Galicia e que observa con precaución a expansión do virus polas zonas máis pobres da súa capital, Bos Aires.

··· “Non podo deixar de sentir preocupación polos nosos galegos de América, que están sufrindo agora a ameaza máis real da enfermidade do covid-19. Galicia segue ao voso lado”, sentenciou.

02 jun 2020 / 00:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito