Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Modelo matemático galego para lograr o equilibrio entre as restricións pola COVID e a apertura económica

Ten en conta parámetros como a capacidade da sociedade de obedecer ou non as normas, a modelización do virus ou a predición meteorolóxica // Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na Facultade de Física na USC, explícanos as liñas do proxecto

Un grupo de investigadores de Santiago presentaron, no marco do proxecto de investigación “Predico” (Predición dinámica de escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo), un novo modelo matemático de control óptimo que permite avaliar, de forma eficaz, o equilibrio entre a apertura das economías e a evolución das taxas de contaxio do virus. Esta investigación, que foi presentada na convocatoria de proxectos de loita contra a COVID polo Ministerio de Ciencia e Innovación, conseguiu ser un dos 130 plans aprobados de entre os 1.500 presentados, o que supón estar entre case un 10% de admitidos. Entre estes destacan outros 6 proxectos que tamén son de orixe galega. “Foi unha das convocatorias máis duras que lembro dos plans nacionais de investigación do Goberno de España”, sinala Jorge Mira, o investigador principal do proxecto.

O catedrático na área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada na USC explicounos como funciona e a súa evolución. “Ten varias patas principais ordenadas de forma cronolóxica. A primeira delas é o que eu chamo a modelización clásica de avance de pandemias, para a que empregamos un sistema de predicción matemática que conta con varios enfoques, sendo o primeiro destes o enfoque clásico. Dous membros do proxecto, Iván Garea da Universidade de Vigo e Juan Nieto da USC, xa tiñan experiencia previa en modelar o Zika e o Ébola e, cando comezou a pandemia en Wuhan, xa se encargaron da modelización do virus. Foron dos primeiros do mundo en sacar a idea do superpropagador”, explica o profesor. Por poutro lado, “fixemos unha proxección o 4 de marzo que advertía que o 5 de abril ía chegar o pico da pandemia. E, ademais, puidemos calcular de forma moi exitosa a ocupación das UCIS nese pico da pandemia”, sinala Jorge.

En canto á segunda parte da investigación, esta introduciríase no momento en que cambia o escenario e comezamos a vivir coa COVID. “A sociedade sintoniza a súa resposta co que ve tanto na televisión como nas redes e outros medios, así que decidimos incoporar, da man de Alberto Pérez Muñuzuri, un sistema de lectura das opinións a través da monitorización das RR.SS., Twitter neste caso, conseguindo así un coeficiente de docilidade social e coñecendo como de permeable é a sociedade ás directrices políticas. Sacamos unha medida cuantitativa que amosa a capacidade da sociedade de obedecer ou non as normas, e isto úsase para actualizar a predición”, argumenta o profesor.

Ante as complicacións que comezan a aparecer a raíz das constantes fluctuacións, a dificultade para facer predicións aumenta, e é neste intre no que aparece a terceira pata da investigación. “Baixo a dirección de Luis Seoane, do Centro de Biotecnoloxía de Madrid (CNB-CSIC), que se basea na exploración dos comportamentos das curvas de datos sen ecuacións, puidemos evitar todo tipo de contaminacións que puideran existir, tanto influencias sociais como normativas, xa que España é un país moi heteroxéneo”, explica. “Isto foi probado con reproducións da gripe de epidemias pasadas, e o método foi capaz de prever moi ben a súa evolución”, argumenta o investigador Mira.

Jorge Mira / Foto: Santi Alvite
Jorge Mira / Foto: Santi Alvite

Con todo, a combinación de todas estas partes conforma a cuarta pata da investigación. ”Co método do control óptimo, reflexionamos sobre como atopar un equilibrio entre a obligación de controlar a pandemia e a necesidade de abrir as economías. Asociados cun proxecto homólogo en Portugal, con Cristiana Silva como líder e financiado polo goberno do país veciño, fixemos un estudo durante a primeira onda, de marzo a xullo, o que supuxo un bo caso para traballar, dado que este país é moi homoxéneo, sen fragmentación territorial. Finalmente, os resultados foron exitosos”, sinala. “Todo o proxecto foi moi proveitoso, levamos unha decena de artigos, que en poucos meses tiveron moito impacto internacional, dous rexistros de propiedade intelectual e algúns tamén fomos asesores do goberno galego. A investigación tivo un gran rendemento e os cartos foron amortizados”, destaca.

Ademais, o proxecto ten unha quinta parte. “Dado que o aire é unha forma de propagación fundamental do virus, a ventilación é importantísima, polo que Alberto Pérez Muñuzuri e máis eu creamos un sistema pioneiro que combina a xeolocalización e a predición meteorolóxica de MeteoGalicia para que os centros de ensinanza teñan un control de ventilación óptimo. É empregado polo Sistema Educativo Galego”, engade o profesor. “Isto é o que temos ata agora, pero aínda hai máis cousas que estamos a desenvolver. Entre elas, estamos a facer mapas de risco xunto coa Facultade de Xeografía e Historia, e análises das mutacións potenciais do virus. Por exemplo, predicións de como vai a ser a inmunidade cruzada entre unhas cepas e outras”, explica o profesor.

Finalmente, preguntámoslle acerca de como prevé que poida ser a evolución do virus no futuro. “E complicado sabelo, xa non é como ao principio; agora a xente compórtase de forma moi distinta e as cepas xeran incertidumbre. O escenario está moi revolto. A predición do comportamento do coronavirus é similar á meteorolóxica: unha pequena variación nas fluctuacións iniciais e xorden modificacións”, remata o profesor Mira.

16 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.