Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O comercio retoma o seu horario e volven as visitas ás residencias mentres segue pechada a hostalaría

Continúan os peches perimetrais e a prohibición de reunirse cos non conviventes. Núñez Feijóo admite que “quixera abrir moito máis, pero non podo”, porque a melloría dos datos “non é suficiente”. Retómase a competición federada autonómica e a actividade en bibliotecas, museos, cines e teatros, con límite de aforo

O presidente da Xunta compareceu este luns en rolda de prensa para trasladar as medidas acordadas na xuntanza desta mañá do comité clínico. Unha reunión na que se abordou o inicio da desescalada en Galicia, que se vai facer “de xeito gradual, a modiño e coa máxima seguridade”. Alberto Núñez Feijóo confirmou que, malia a melloría dos datos, “non é suficiente” para abrir máis a man, e é preciso “manter a Galicia en máximas restricións algo máis de tempo para consolidar e ampliar a melloría das últimas semanas”. Mantéñense polo tanto os peches perimetrais, o peche da hostalaría e a prohibición de reunirse cos non convivintes.

Sinalou o presidente que as restricións adoptadas en xaneiro deron os seus resultados, e “as cifras confirman de forma notoria e notable a tendencia á baixa”. A incidencia acumulada a 14 días pasou de 779 o 30 de xaneiro a 400, un 48,6% menos, e a 7 días baixou de 423 a 149, un 64,8%. Tamén se reduciu máis dun 50% a taxa de positividade. Destacou Núñez Feijóo que “fomos quen de conter a presión hospitalaria”, se ben continúa a ser preocupante o número de pacientes con COVID na UCI. “Non alcanzou”, dixo, “o nivel que os expertos consideran razonable”.

APERTURAS GRADUAIS

Con estes datos na man, o presidente da Xunta avanzou as aperturas “graduais e medidas” que se van aplicar a partir deste mércores 17 de febreiro, agás nos casos nos que se expliciten outras datas:

1. O luns 22 de febreiro retomaranse as clases presenciais en ensinanzas especiais como escolas de idiomas, escolas de danza ou conservatorios, agás para os instrumentos de vento e para o canto.

2. O luns 1 de marzo volven as clases presenciais á univeridade, onde se volverán facer cribados.

3. A partir deste mércores 17 de febreiro o comercio recupera o seu horario, mantendo un límite de aforo do 50%. Os centros comerciais seguirán pechados as fins de semana.

4. Permítese a reapertura das instalacións ao aire libre para prácticas deportivas individuais, e se retoma a competición federada autonómica.

5. Reapertura dos restaurantes das áreas de servizo nas vías de altas prestacións, para que os transportistas poidan comer de xeito individual.

6. Retómase a actividade en bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións cun 30% de aforo, e en cines, teatros e auditorios, co mesmo aforo.

Segundo Núñez Feijóo, son “respiros graduais” para que non acaben sendo pasos en falso nas próximas semanas. Admite que “eu quixera abrir moito máis, pero non podo, e quixera abrir máis rápido pero nin podo nin podemos como sociedade”. Pediu que se manteña, “con máis intensidade se cabe”, a prudencia. Debe facerse, engadiu, “por experiencia, porque a incidencia sube moito máis rápido do que baixa; polas novas cepas, porque a británica xa é unha cepa predominante e aínda nos quedan outras como a brasileña ou a africana e debemos afrontar o risco e evitar contaxios explosivos; por xustiza con todas as familias que sofren as consecuencias dos peches e das restricións e cos profesionais sanitarios que levan un ano deixándose a pel; e para para non frustrar as nosas propias esperanzas colectivas, que pasan pola vacinación.

O presidente suliñou que “esta terceira onda está sendo máis dura que a primeira”, e que as novas cepas “son moito máis agresivas e son quen de atacar Galicia con máis impacto porque temos pouca inmunidade. Iso obríganos a seguir protexéndonos para evitar os contaxios e as mortes”.

DESESCALADA NAS RESIDENCIAS

A vacinación contra a COVID está a permitir que “os casos nas residencias se estean reducindo á metade”. Por este motivo, a Xunta deu luz verde ao inicio da desescalada nestes centros. A partires do mércores permitiranse 3 visitas semanais con dous familiares de referencia en tódalas residencias que completaran o ciclo das vacinas hai 10 días ou máis. Tamén se retomarán as saídas nos centros que acollen a persoas con discapacidade, e que cumpran os mesmos requisitos.

HOSTALARÍA

Polo momento, a hostalaría terá que seguir agardando pola reapertura. Segundo argumentou Núñez Feijóo, “é preciso afianzar o conseguido para dar ese paso”. Manteranse as axudas ao sector que cuantificou en 160 millóns de euros, “e imos seguir traballando con eles para trazar un plan de hostalaría segura”.

Este protocolo basearase en tres piares: máxima seguridade para entrar nun local, que deberá ter visible por fóra o límite máximo de aforo, máxima seguridade para un posible rebrote (haberá un rexistro de entrada que permita cribar aos clientes que compartiran estancia cun positivo), e máximo control, “non só dos propietarios senón tamén das forzas de seguridade”.

CONVIVINTES

O vindeiro luns haberá unha nova xuntanza do comité clínico e, en función da situación epidemiolóxica, poderán alixeirarse outras restricións. Segundo Núñez Feijóo, o previsible é que “ao mesmo tempo que se abra a hostalaría, se poidan tomar outras medidas como a posibilidade de reunirse con non convivintes e a reapertura dos ximnasios”.

VACINACIÓN

A Consellería de Sanidade continuará co proceso de vacinación dos grupos seguintes. A próxima semana tocaralle aos maiores de 80 anos, proceso que rematará “a finais de abril, ou antes”. Para iso é preciso saber con cantas vacinas vai contar Galicia, xa que seguen a ser escasas. O presidente galego sinalou que “non se pode estar improvisando tódalas semanas”, e pediulle ao Goberno central que aclare as dúbidas “para que nós poidamos seguir traballando porque levamos loitando contra a pandemia desde abril practicamente en solitario”.

15 feb 2021 / 17:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.