Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
regreso ás aulas. Seis alumnos de Formación Profesional detallan os problemas cos que se atoparon desde que comezaron a docencia virtual. Os primeiros quince días foron un pouco de proba e a partir de aí tiveron bastante traballo. Mañá mesmo poden acudir ao seu centro escolar TEXTO Paula Pérez Cantelar

Os estudantes de FP, contentos de volver ás clases presenciais

Galicia entra xa, mañá mesmo, na fase 2 de desescalada e a rapazada estudante de Forma-ción Profesional pode voltar de maneira voluntaria ás aulas. Isto é algo que previamente o alumnado xa desexaba, porque tiñan claro que, de non dar agora os contidos que lles quedaban para o 3º trimestre, xuntaríaselle con toda a materia do seguinte curso. Aínda que, todo hai que dicilo, esta opción é, se cabe, máis beneficiosa para o primeiro ano deste tipo de formacións, xa que adoita ser sempre o máis teórico. As solucións que lle deron para a avaliación do seu derradeiro e telemático trimestre, consideran, son as axeitadas, xa que facilitan o transcurso do curso pero non dificultan a superación deste para quen conte con dificultades tecnolóxicas ou mesmo persoais.

“Tivemos que pedir video conferencias”

Lorena Viaño Del Río, FP Superior de Educación Infantil // “A maioría dos profesores rapidamente comezaron a mandar traballos para seguir avanzando cos contidos e acabar de dar así a materia que nos quedaba do 2º trimestre. Aínda que, por outro lado, houbo algúns que tardaron máis en dar traballo e cando o fixeron, xa era materia do 3º trimestre, xa que pensaban que poderiamos voltar ás clases para facer os exames que nos quedaban do segundo trimestre, que afortunadamente eran só dous.

Chegou un momento en que tiñamos tantos traballos, que, poñéndonos dacordo, comunicámonos con eles mediante correo para protestar pola cantidade, e pouco a pouco fóronos reducindo. A medida que pasaba o tempo e se mandaban máis traballos, íannos xurdindo dúbidas. Entón fomos nós mesmos e mesmas as que lles preguntamos aos profesores e profesoras se podiamos ter videoconferencias, aínda que só fose para resolver dúbidas.”

“Para o ano teremos demasiada materia”

Paula Mosquera Alvite, FP Media de Atención a Persoas en Situación de Dependencia // “Clases só temos dunha profesora, e unicamente un día á semana. Ao principio eran para non perder o contacto e facer revisións das tarefas que nos ía mandando. Pero agora co terceiro trimestre, imos adiantando materia e ponnos outros prazos de entregas.

Tamén tivemos unha conferencia coa titora porque llo pedimos nós, para que nos contase que pasaría co curso e outros temas pendentes como, por exemplo, que acontecerá cunhas prácticas dunha materia que temos que realizar.

Finalmente, xa nos deixou claro que, de non deixársenos reunirnos unha última semana cunhas normas que nos marcasen (como ir só 10 persoas e outro día outras) para ir deixando materia pendente das prácticas, teriamos que facelo o curso seguinte, aínda que se nos xuntaría moita materia.”

“Tardaron en decidir”

Alicia Barcia Pazos, FP Media de Atención a Persoas en Situación de Dependencia // “O que van facer será mirar as notas de anteriores avaliacións. Farán unha media destas e o que fagamos agora, no confinamento, simplemente será sumado a esa nota que xa tiñamos.

Está ben este método que se está facendo. Tardaron un pouco en poñerse dacordo e uns e unhas mandaban facer cousas mentres outros e outras non.

Si que é certo que, co tema de que se nos manden facer traballos, podo ter algunha dificultade. Vivo cos meus dous irmáns que estudan dous ciclos tamén e que, polo tanto, teñen que facer traballos e teñen clases, pero só contamos cun ordenador e temos que turnárnolo.

Polo de agora non nos coincidiron as clases, pero si que nolas teñen cambiado e moitas veces van seguidas. Por exemplo, a veces eu podo ter de 11.00 a 12.00 e nada máis acabar eu, ten clase meu irmán de 12.00 a 13.00. É un pouco complicado compaxinarnos.”

“Non perdemos nada de clase”

Eduardo Estévez Vázquez, FP Superior en Imaxe e Son // “Nós acabamos as clases un xoves, como todos e todas, e non sei se o venres ou o luns xa se reuniran profesores e directores do meu centro e xa rapidamente nos dixeron que tiñamos clase normal, pensando que aínda así, voltariamos pronto, porque en teoría eran 15 días. Non perdemos case nada de clase. De feito, que eu saiba ningún outro ciclo ten tantas coma nós. Penso que nas sesións on-line a concentración non é a mesma que presencialmente, xa que podes ter problemas de conexión para velas.

Amais, nunha materia usamos o photoshop, entón claro, hai que descargar unha aplicación. Eu non teño problema ningún en descargala. Pero eu penso que para quen non teña un bo ordenador, descargarse este tipo de aplicacións debe ser moi difícil. E claro, se non a descargan, nas materias nas que a empregamos, non sei como os avaliarán.”

“Estamos saturados”

Angel González Gómez, FP Superior de Mecatrónica Industrial // “As primeiras semanas de confinamento foron un pouco de desconexión, non tiñamos nada pendente porque xa acabaramos todo o do 2º trimestre. Coa primeira prórroga, empezamos a recibir tarefas de profesores, pero de repaso, e comezaron as famosas videoconferencias.

En principio eran para unicamente para dúbidas, pero despois foron rutinarias e convertíronse en clases, mentres tamén tiñamos os traballos complementarios.

Co paso do tempo viamos que a volta ás clases era difícil. Algúns déronnos a solución de que nesta avaliación contarían só os traballos que nos iban mandar e que vían difíciles os exames.

Outros esperan que a finais de xuño e principios de xullo poidamos ir ás aulas, por partes e a facer as probas escritas. No noso ciclo estamos saturados porque nos mandan multitude de tarefas e dalgúns non sabemos nada. Fáltanos, e necesitámola, a explicación correspondente.”

“Gustaríame outra forma de avaliar”

Pedro Cantelar Ces, FP Superior de Automoción e Robótica // “A relación traballos-clases é moi distinta. Temos moi poucas clases en comparación con traballos que nos encargan. Teño proxectos de todas as materias e clases só de dúas, cando en realidade si que se lle pide a profesores e profesoras que se expliquen, porque en moitos casos non sabemos nin como realizar estes traballos.

E estas explicacións que nos proporcionan, en vez de seren por videoconferencia, que sería o ideal, son por correo, cuns conceptos básicos e crendo que se entende todo cando non é así realmente.

Quizais me gustaría máis que me avaliasen doutra maneira, xa que, tal e como van os tiros, todo se baseará nun traballo por materia ou algún exercicio nalgún caso. Eu penso que tiraría máis por tema de exercicios máis consecutivos e non tan xerais, xa que nun traballo, adoitanse precisar coñecementos para os que necesitamos contacto cos profesores e que nolos expliquen.”

24 may 2020 / 01:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito