Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os rexedores da raia mollada mobilízanse pola apertura dos pasos

Santiago. “SOS”. Ese foi o chamamento emitido onte polos alcaldes e alcaldesas da raia mollada que dibuxa o río Miño entre Galicia e Portugal. E é que ese sinal de socorro internacionalmente coñecido significa ‘salven as nosas almas’, e a alma da raia non é a de ser unha liña divisoria, senón “unha rexión de convivencia e intercambio, de osmose e hibridación”, tal como a definiu o Consello da Cultura Galega. Unha convivencia que agora se ve truncada ao existir só un paso fronteirizo aberto.

Os rexedores e o director da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Minho, Uxío Benítez destacaron que estes 70 quilómetros de fronteira concentran a metade do tráfico de todo o linde entre España e Portugal. “A fronteira co maior dinamismo social e económico de toda Europa” que se está a ver gravemente prexudicada polo peche dos pasos, especialmente aos traballadores e ás empresas transfronteirizas.

Ao xuízo da AECT, manter os peches non salva a economía local –que esta morta– pero tampouco a sanidade. “Se houbese máis pasos abertos poderíase controlar mellor quen cruza, mentres que con un único paso aberto hai aglomeracións e filas interminables”, dixo Fernando Nogueira, vicepresidente da agrupación.

O lugar escollido para levar a cabo esta protesta simbólica foi a ponte de Goiáns que separa Tomiño da localidade lusa de Vila Nova de Cerveira. Unha vila esta última que conta cando menos cun 20% de traballadores que acoden aos seus postos dende o outro lado da raia, e que nestes días se ven obrigados a facer nalgúns casos máis de 100 quilómetros para cruzar polo único paso aberto, coa conseguinte perda de tempo e cartos.

É por iso que dende as entidades locais demandan a reapertura dos pasos transfronteirizos “cando menos para os traballadores”, aínda que “o óptimo” sería a reapertura “total”. Ata que isto aconteza, os rexedores xa anunciaron que manterán as mobilizacións. E apuntaron á posibilidade de non acudir ao acto de “recoñecemento de fronteiras” que cada ano se celebra por estas datas. “Non o faremos mentres non escoiten”. M.G

03 jun 2020 / 20:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.