Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os rexistros civís engadiron onte 13.250 mortes debido a retrasos pola dureza do brote

Con estes datos, a mortalidade dispárase un 55% con respecto a unha situación normal

Os cambios de metodoloxía na contabilidade dos casos e os falecementos durante a crise sanitaria da covid-19 por parte das autoridades sanitarias, levaba a algúns expertos e analistas durante a pasada semana a considerar que tan só sería posible coñecer a dimensión real da pandemia comparando os datos de mortalidade do 2020, con anos anteriores.

Pois ben, a actualización de onte do sistema MoMo, –pertencente ao Instituto de Saúde Carlos III e que funciona cos datos de mortalidade por todas as causas que obtén dos rexistros civís de 3929 concellos informatizados– incorporou 13.250 mortes que por mor dos retrasos producidos nos rexistros civís durante os peores momentos da pandemia, non se tiñan aínda incluído. Esta demora sitúase nunha mediana de 54 días, mais existe variabilidade entre autonomías.

Segundo este Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria, esta disparouse en España entre o 13 de maio– día previo á declaración do estado de alarma– e o 22 de maio nun 55,2%. De acordo coas cifras do MoMo, durante este periodo en condicións normais estimábase que se ían a producir 77.817 decesos, mais debido á pandemia vírica esta cifra ascendeu até os 120.851 falecementos.

A maior diferencia entre as cifras prodúcese en Cataluña, que agregou 8.514 mortes ao sistema que non se tiñan notificado aínda – un 64% dos falecementos rexistrados onte–. Nesta comunidade o exceso de mortalidade durante a pandemia é do 96%; xa que se agardaban 12.195 mortes e producíronse 23.680. En Castela e León e Castela A Mancha o exceso da mortalidade é aínda maior cun 114%, e un 206% respectivamente.

Madrid, pola súa banda, a pesares de ser a comunidade que sufriu un maior asedio por parte da covid-19, presenta un exceso de mortalidade lixeiramente menor que o de Castela
A Mancha, cun 162% de incremento. Alí, na comunidade do oso e o madroño estimábanse 8.716 decesos durante este periodo, que a pandemia directa ou indirectamente convertiu en 22.821 falecementos.

En canto aos grupos de idade, o maior execeso de mortalidade observámolo entre os maiores de 74 anos, unha franxa poboacional considerada de risco durante a pandemia, e a que por desgracia máis sufriu as súas consecuencias. En España, no período do 13 de marzo ao 22 de maio agardábase en condicións normais o falecemento de 56.340 maiores de 74 anos, mais non obstante os datos de onte do MoMo rexistran o deceso de 91.879 anciáns. Un exceso da mortalidade do 63 %.

Tras estas correccións de onte dos datos, acaecidos principalmente nos rexistros civís de Barcelona e Cataluña; o sistema apunta que os maiores atrasos de notificación de defuncións por parte dos rexistros civís no últimos sete días localízanse agora en Aragón e Cantabria, principalmente. Concretamente, consideran que hai unha infranotificación do 36 por cento en Aragón durante a última semana e do 29 por cento na comunidade que preside Miguel Ángel Revilla. Así mesmo, é do 12 por cento en Navarra. Outras rexións sitúanse en torno ao sete por cento de atraso.

27 may 2020 / 22:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito