Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Abren con cautela o Punto Limpo vedrés, o amesán e o arzuán

Será preciso solicitar cita previa e seguir todas as recomendacións sanitarias fronte ó covid-19

Varios concellos da área metropolitana de Santiago xa abriron as portas do Punto Limpo, iso si, sempre adaptados ás normativas sanitarias. O de Vedra informa de que a veciñanza xa pode facer novamente uso deste servizo municipal, cumprindo unha serie de requisitos.

Para acudir é preciso solicitar cita previa no teléfono 981 814 612 (de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas) e, unha vez confirmada, débese cumprir con todas as recomendacións: “distancia social, uso de guantes e lavado de mans previo e posterior”, avisan dende o goberno local. A iniciativa está a ter gran acollida, “proba de que este tempo de confinamento serviu para facer limpeza en moitos dos nosos fogares”, argumentan neste sentido dende o goberno local.

Arzúa é outro dos municipios que acaba de reabrir dita instalación, ubicada no parque empresarial. O horario seguirá a ser o mesmo: luns, mércores e venres dende as 10.00 ata as 14.00. E o sábado estará aberto de 10.00 a 18.00. Dende a administración local avisan que “só serán atendidas presencialmente as persoas que previamente soliciten cita no número móbil 661 903 391”. A atención no recinto será individualizada e deberase “cumprir con todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias”, recalcan fontes municipais.

Tamén o Concello amesán puxo en marcha o seu. O horario será luns e venres, de 10.15 a 13.45 e de 16.00 a 18.00; e os sábados de 09.30 a 13.45 e de 16.00 a 19.45.

Dende o goberno local lembran que deberán seguirse unha serie de normas básicas, como “o uso de máscaras e luvas para todo o persoal que acceda ao recinto” e limpar as mans con xel hidroalcohólico, así como “a obriga de manter unha distancia de seguridade de dous metros”. Só se permitirá un máximo de dúas persoas no recinto, pecharase a porta ás súas costas e só haberá un vehículo no interior.

En todos é preciso usar máscaras, luvas e desinfectar as mans con xel hidroalcohólico
No caso de Arzúa só pode estar unha persoa no interior, e en Ames permítense dúas
21 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito