Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acaban a urbanización entre Rosalía e Costa Grande, no Milladoiro

Con esta obra trátase de regularizar a situación actual de duascentas vivendas

As obras para arranxar a urbanización do PM5-03 do Milladoiro están a piques de rematar. Deste xeito, trátase de regularizar a situación dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Costa Grande.

A obra foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 231.665,93 euros. A través destas obras elimináronse as barreiras arquitectónicas e construíronse varias zonas a distintas alturas con ramplas de acceso e zonas verdes. O alcalde, o concelleiro de Urbanismo e o concelleiro de Obras visitaron os traballos para comprobar o grao de execución.

O proxecto de construción de ditos bloques de vivendas (sen licenza de primeira ocupación) foi aprobado no 2003. Posteriormente, en 2005 os promotores da obra solicitaron a súa recepción, pero as obras non foran executadas tal e como marcaba o proxecto, polo que se lle requiriu á empresa promotora que realizaran as obras necesarias para adaptar os bloques de vivendas ao que se marcara. A pesares de executar o pactado, o realizado continuou sen adaptarse ao proxecto, polo que o Concello fixo unha incautación de avais por valor de 532.000 euros. A empresa promotora denunciou ao Concello, e en 2011 saíu a sentenza favorable aos intereses da Administración local.

En 2015 o goberno municipal realizou varias reunións cos veciños deste lugar para resolver unha situación que leva estando de xeito irregular dende hai máis de 10 anos. Dito sector está plenamente desenvolvido tanto a nivel de edificación como de urbanización, pero presenta diversas deficiencias, como o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade. As obras executadas para paliar as deficiencias, consistiron na remodelación dunha zona verde pública xunto cos seus accesos e superficies adxacentes de uso público.

No pleno ordinario de setembro de 2017 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03. Posteriormente, en novembro de 2018 o goberno municipal presentoulle o devandito proxecto á veciñanza da urbanización. De seguido, comezouse un proceso de licitación para adxudicar ditas obras.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a través deste proxecto vaise a recuperar unha importante zona verde que poderá ser usada pola veciñanza da vila. Realizáronse diversas obras para eliminar as barreiras arquitectónicas que limitan o acceso a dito espazo, e ademais, construíronse diversas plataformas a distintas alturas con ramplas como puntos de acceso”.

Ditas obras van con atraso debido á complexidade técnica nalgunhas zonas, así como a problemas coas autorizacións de Unión Fenosa. Ademais, o Concello atopouse con problemas de danos estruturais nalgún edificio colindante, o que dificultou a execución. A pesares dos imprevistos, a previsión é que a finais de setembro estean rematadas na súa totalidade.

As obras que se están a realizar teñen como obxectivo anchear os accesos existentes e crear distintas plataformas de accesibilidade que cumpran a normativa. Porén houbo que reconfigurar a rede de pluviais, sacar as luminarias e volver a colocalas. O obxectivo final: crear unha praza.

16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito