Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Seguen activos os programas da Aula da Natureza para achegar aos veciños o coñecemento do medio // Na pandemia puxéronse en marcha cursos de xabón e de horta, así como unha campaña para axudar ás andoriñas e cirrios TEXTO C. Estévez

Ames promove na corentena unha conciencia máis sostible

O Concello de Ames pon en marcha anualmente o programa Aula da Natureza, dirixido tanto a público infantil como xuvenil. O obxectivo de dita iniciativa é achegar o coñecemento do medio, os recursos naturais e a problemática medioambiental a toda a veciñanza de forma lúdica. Ao mesmo tempo, “estas actividades fomentan a convivencia, as relacións interxeracionais e a participación veciñal en temas ambientais do municipio”, según describen fontes municipais.

A partir deste proxecto dase forma a un plan de educación medioambiental anual, repartido en tres trimestres, e deixando libre o verán para adicarse aos campamentos. Na Aula da Natureza organízanse actividades e talleres dirixidos a persoas de todas as idades e con temas diversos que recollen tanto aspectos de educación ambiental como o coñecemento e achegamento á natureza.

Durante todo o ano desenvólvense programas como Variedade e vida, Eu guísoo eu cómoo ou Ciencia divertida. Ademais, fanse acampadas e saídas de buceo ou montaña, entre outras. Para os adultos impártense cursos de horta sostible, de cestería ou de perfumería natural. Tamén hai propostas para todos os públicos, como as saídas ornitolóxicas ou a recollida de setas.

A administración local non quixo que a crise sanitaria que estamos a vivir frease a programación prevista, e por iso, a través da páxina web municipal, puxéronse en marcha xa tres propostas no que levamos de estado de alarma. A primeira delas foi un obradoiro artesanal de xabón, coa idea de que as familias poidan elaborar o seu propio e “coñecer as particularidades e gamas que ofrece a súa realización”, apuntan dende o goberno local.

Para facelo son precisos os seguintes utensilios: luvas, lentes e máscara para traballar con seguridade; unha balanza de cociña o máis precisa posible; cazos e potas de aceiro inoxidable de suficiente capacidade para as cantidades de xabón que se van preparar; termómetros que teñen que chegar a 100 graos centígrados (non son imprescindibles, pero si recomendables, xa que con eles axústase mellor a temperatura); utensilios para remexer e mesturar, como culleres ou batedor; moldes (poden ser de silicona); e coitelos ou cortadores de xabón. Tamén se precisarán, como ingredientes, aceite ou graxa, sosa cáustica ao 99 por cento e auga destilada ou desmineralizada.

Na actividade tamén describen os pasos a dar para facer o xabón, e aclaran que os grandes beneficios de fabricalo artesanalmente son que “deixamos a glicerina incorporada nel e isto achégalle hidratación. A maioría dos elaborados industrialmente separan o xabón da glicerina para obter un dobre beneficio, polo que resecarán moito máis a pel que os feitos por nós”, aseguran dende o Concello.

ANDORIÑAS E CIRRIOS. Outra das iniciativas que se puxeron en marcha estes días no marco de dito programa foi unha campaña para axudar á conservación das andoriñas e cirrios da vila. “Como todos os anos, as aves e a flora son as encargadas de avisarnos de que nos encontramos no inicio da primavera. Así, cando as andoriñas regresan do seu periplo por África, indícannos que dita estación xa está aquí e arranca o seu período máis importante: a cría dos seus polos”, explican fontes municipais. A pesar de que as andoriñas “sempre foron unhas aves moi queridas nas nosas casas, nos últimos tempos estanse dando casos moi importantes de destrución dos seus niños, sobre todo coa desculpa de que ensucian”, engaden. Precisamente para protexer a todas as andoriñas comúns, de cu branco e cirrios que aniñan no municipio amesán, “o Concello, en colaboración coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Pontevedra), queren dar a coñecer estas aves para poder conservalas a través desta campaña”, explican dende o executivo amiense.

A idea, segundo dixo o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, é que os veciños, especialmente os máis pequenos, se sumen a esta campaña e, dende as xanelas e balcóns ou nos paseos autorizados “se fagan debuxos, apuntes, cadernos de campo ou fotografías destas aves e se manden á Aula para ir aumentando entre todos os coñecementos destas aves para axudar á súa conservación”, sinalou. Para participar hai que inscribirse no enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal e enviar as observacións e fotos por ese medio ou por Whatsapp ao número de teléfono 660 004 665. Tamén se pode usar como caderno de campo electrónico a aplicación gratuíta eBird.

HORTA SOSTIBLE. As últimas actividades postas en marcha pola Aula da Natureza durante o confinamento son unha serie de instrucións e consellos de horta sostible. A idea antes da pandemia era poñer en marcha varios cursos, entre eles, un para coñecer as hortalizas propias da época e as variedades máis comúns no municipio. Agora ofrecen algunhas pautas vía online.

Entre os cultivos de horta con flor para esta primavera “atopamos o brócoli, a coliflor, a alcachofa, a caléndula, flores variadas (capuchina ou centáurea), aromáticas, romanesco, manzanilla ou azafrán”, indican. En canto a cultivos de horta de raíz para esta estación sinalan dende o programa os rabaniños, a remolacha, a cenoria, os boniatos, os allos, a pataca ou as cebolas. “Sen esquecernos dos cultivos de froito, como os berros, os espárragos, as espinacas, as coles de Bruxelas, a acelga, a lombarda, os porros, o fiuncho, os canónigos, a leituga, o tomate, a cabaza ou as fresas”, engaden dende o Concello.

ASOCIACIÓN DE CULTIVOS. Para todos os interesados, tamén ofrecen pautas para coñecer as plantas que se dan ben ao cultivarse xuntas e as que non son compatibles. “A asociación de cultivos pode achegar moitas vantaxes ao noso horto ecolóxico”, aseguran.

Dende logo, os amesáns non teñen motivos para aburrirse con todas estas interesantes propostas.

areadecompostela@elcorreogallego.es

06 may 2020 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito