Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames renova o alumeado público dos núcleos rurais

Mudarase o 64% do total de luminarias, cun orzamento que chega case ós 1.500 euros

O Concello de Ames dá un paso máis na tramitación do proxecto de cambio de luminarias no alumeado do rural. Na xunta de goberno local do pasado 26 de xuño aprobouse a adxudicación do servizo de redacción do proxecto e a dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. Este contrato foi adxudicado á entidade Taller De Ingeniería MYL, SLP. A oferta económica da redacción do proxecto ascende a 19.965 euros, mentres que a da dirección de obra sube ata 13.794 euros.

Para desenvolver dita inciativa, o Concello conta cunha axuda de 1.176.231 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O orzamento previsto para a execución das actuacións é de 1.470.288 euros . Desta cantidade, o 80% será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057 euros, cubriranse con fondos propios municipais.

Dende o goberno local explican que grazas a estos traballos van renovar a iluminación pública exterior das vías públicas das parroquias, actuando en 4.540 dos 7.133 puntos de luz existentes no municipio. Van substituirse as actuais luminarias porunhas LED máis eficientes e “actualizaranse 120 dos 173 cadros de mando existentes para adaptalos á normativa vixente”, apuntan fontes municipais. Con esta actuación “diminuirase a potencia de 573 kW a 274 kW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 53,43%.”, aseguran dende o Concello. As luminarias incluídas no proxecto singular, e que serán substituídas por outras máis eficientes, atópanse maioritariamente en vías rurais.

ECOLOXÍA. O cambio de luminarias no rural e nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, que está previsto que estea finalizado en 2023, reducirá en máis dun 50% as emisións de dióxido de carbono. O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “a intervención que se vai executar recolle o cambio de 4.540 luminarias e 120 centros de mando do alumeado público do rural. Isto representa o 64% do total de luminarias do municipio”, indica.

Ademais, engade o concelleiro, “vanse deixar de emitir máis de 500 toneladas de CO2 ao ano. A través desta actuación demostramos que somos un concello que aposta pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética”.

04 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito