Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O proxecto sustituirá ao antigo que albergaba a zona da Condomiña, en Ortoño// O pavimento estará composto de codia de piñeiro do país // É o primeiro deste estilo no municipio, e en función do éxito, repetirase a fórmula TEXTO Claudina Estévez

Ames terá un parque cheo de xogos rústicos de madeira

Os cativos aínda non poden facer uso dos parques públicos, pero de seguro que son moitos os pequenos que teñen marcada como primeira opción na súa lista de desexos para a “nova normalidade” volver a xogar nos tobogáns e columpios. En Ames ademais terán a oportunidade de estrear unha nova área de xogos de aventuras no antigo parque infantil da Condomiña.

A concellería de Obras e Servizos Básicos está executando o proxecto de remodelación da área de xogos do lugar da Condomiña, pertencente á parroquia de Ortoño. Deste xeito estanse a levar a cabo as execucións necesarias para a mellora e creación dun parque infantil rústico de aventura nas proximidades do núcleo urbano de Bertamiráns. O orzamento para dito proxecto é de 48.392 euros.

Dende o goberno local aseguran que as obras “avanzan a bo ritmo”. En primeiro lugar, tiveron que retirarse os elementos do vello parque e xa se comezaron a instalar os do futuro. O novo estará dotado con varios xogos rústicos, elaborados todos eles con madeira natural: tirolina sinxela; zancos ou pasos; cordas colgantes; randeeira ou berce; vigas de equilibrio, e un outeiro con xogos de escada e tobogán. Unha excelente forma, dende logo, de conectar aos cativos coa natureza e que, ademais, permitirá o xogo aberto ao sairse do binomio columpio-tobogán. Unha fórmula de sempre, e que por suposto segue triunfando, pero nunca está demais renovarse e apostar pola orixinalidade e polo natural, e animar aos nenos a vivir novos retos.

Respecto ao pavimento que se está instalando na área de xogos rústica, “está formado por unha delimitación perimetral, mediante travesa de madeira tratada, e pavimento de area lavada na zona da tirolina. No resto das zonas colocara se pavimento con codia de piñeiro do país”, explican dende o Concello de Ames. Ademais, instalarase distinto mobiliario urbano como bancos individuais e colectivos de madeira natural. Por último, os traballos remataranse mediante a instalación do cartel de normas de seguridade e emprego, así como a certificación segundo a norma UNE-En 1176.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “este novo parque é o primeiro deste estilo que se vai a facer en Ames, e ampliará o abano de idades que poderán usalo. No futuro, e en función do éxito que teña o mesmo, colocaranse outros similares no concello”.

PISCINAS Máis alá das obras no futuro parque, o Concello amesá continúa cos labores de acondicionamento na área fluvial de Tapia e nas piscinas de Bertamiráns e Milladoiro, co obxectivo de que no verán pequenos e adultos poidan desfrutar delas. Os traballos de acondicionamento da área fluvial de Tapia arrancaron a semana pasada e continúan nesta. Acondicionouse xa a zona de aparcamento, achanzando o terreo e enchendo os buratos con xabre. Ademais, estase a preparar o peche perimetral da piscina, que rompe polas crecidas do río Tambre ao seu paso por este lugar, cortando a herba, sacando terra e lavando a presión o muíño e os camiños desta área recreativa. Os vindeiros días, “e seguindo as medidas ditaminadas polo Ministerio de Sanidade” arrancarán os labores de acondicionamento das piscinas descubertas. “Traballamos para que tanto a área recreativa de Tapia, como as piscinas municipais se atopen no mellor estado posible de cara ao verán”, sentencia o concelleiro de Obras, Blas García.

20 may 2020 / 01:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito