Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta investirá 1,1 millóns de euros na mellora de varias estradas de titularidade autonómica // O obxectivo é rehabilitar o firme, limpar as cunetas e repoñer a sinalización // Aclaran que o acordo coa Variante de Carballo sigue intacto a pesar do retraso motivado pola pandemia do covid TEXTO A. Prada

Arranxan viais de Arzúa e Melide

Máis de 1,1 millóns de euros será o orzamento que investirá a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para arranxar o firme de varias estradas autonómicas nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e tamén en Betanzos. O obxectivo das intervencións, que teñen un prazo de execución de cinco meses, é mellorar as condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, en Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto.

O contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias, mediante o fresado e a reposición do mesmo con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades. Así mesmo, prevese a limpeza de cunetas e a reposición de sinalización horizontal. Inclúense asemade as melloras de sinalización vertical ou barreiras de seguridade.

VARIANTE CARBALLO Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aclaran tamén que “a Xunta mantén o seu compromiso de impulsar e axilizar a Variante de Carballo”. A principios do ano pasado anunciaba que se licitaría a redacción do proxecto no primeiro trimestre do 2020 e que se ía empezar por Bértoa. Pero a situación de crise sanitaria motivada polo covid-19 “obrigou a retrasar un pouco a súa licitación”, explican dende o Goberno galego. Para avanzar na variante de Carballo, que servirá de alternativa á estrada AC-552, a Xunta ten proxectada a súa execución en dous treitos: un desde o oeste do municipio ata a vía provincial que leva a Compostela; e o outro que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes. O orzamento estimado das dúas fases rolda os 28 millóns de euros.

Nunha primeira fase está previsto impulsar o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa AC-413 que se dirixe a Ordes e co vial provincial DP-1914, moi empregado para desprazamentos en dirección Santiago. Con esta actuación, cuxo presuposto base é de 15 millóns de euros, darase un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, “que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade”, aseguran dende Infraestruturas.

A PROTAGONISTA
“o compromiso é incuestionable”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aclaran que o pasado 8 de xullo licitouse, por un importe superior aos 170.500 euros e un prazo de execución do contrato de 20 meses, a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da Variante que, segundo o abordado cos empresarios, se iniciará na estrada autonómica AC-552, en Bértoa. De feito o prazo de presentación de ofertas remata hoxe venres. “O compromiso e o traballo do Goberno galego coas infraestruturas viarias de Bergantiños é incuestionable, como demostra a construción e posta en servizo de 27 quilómetros da autovía da Costa da Morte, en plena crise económica”, lembran dende a Consellería.

{ A OLLADA }
Aposta pola seguridade
A. Prada

mellorar a seguridade viaria é o obxectivo fundamental da Xunta á hora de pór en marcha as obras de arranxo dos viais na AC-231 e AC-840. Son traballos fundamentais para garanter boas condicións de circulación, posto que non hai que esquecer que unha parte dos accidentes son causados polo mal estado das estradas. No tocante á Variante de Carballo, dende a Xunta, e ante as críticas vertidas polo BNG, recalcan que o retraso se debe á crise sanitaria, pero que o compromiso sigue intacto. Un compromiso, que dende logo, permitirá unha notable mellora na mobilidade. De feito, o Goberno galego asegura que tamén están a traballar na modernización do transporte público da veciñanza de Bergantiños. Son boas novas.

14 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito