Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As dos noieses e a do lirense, mortes “moi distintas”

Barállanse numerosas hipóteses de por que os corpos de Javier e Miguel non son expulsados

Despois de dúas semanas de busca dos mozos noieses desaparecidos tras volcar un kaiak á altura de Porto do Son nunha viaxe de ocio dende a praia de Coira ata a illa da Creba, non se dan resultados fructíferos, a pesares de que se supuxo dende un primeiro momento que aos (xa pasados) 9 días, o mar os remataría, case seguro, expulsando.

Á pregunta do millón de por que os corpos non saen a frote, os expertos teñen numerosas respostas. Isaac Gaciño, vicepatrón en funcións da confraría de Portosín, achega que “hai moita hipótese, isto non é unha ciencia exacta”. Este profesional considera que pode que foran sacados da ría coas correntes moi presentes nesos días ou pode que estean no fondo a causa da carencia de roupa que adoita axudar a que froten os corpos. Tamén se baralla a posibilidade de que estean enganchados no solo.

En contraposición a isto, o patrón da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga, e dacordo co patrón da lancha de salvamento de Ribeira, achega que “non hai un número exacto de días para que os corpos sexan expulsados; inflúen moitos factores: a estrutura do corpo, a temperatura da auga...”. Así, afirma que pode que os cadáveres dos rapaces tarden máis en inchar ao estaren delgados e atléticos. En base a isto, asevera que “non coñezo ningunha experiencia de que alguén afogara na ría e nunca aparecese”. Alén disto, a posibilidade de que os corpos foran expulsados da ría polas correntes e polo vento do 6 de xullo, non entra dentro das súas teorías, mais coida que “todas as hipóteses poden darse”.

O pasado domingo sumouse á traxedia destos mozos un episodio similar na zona de Carnota: Juan Ricardo Carballo Vázquez, de 45 anos e administrador da rede de escolas infantís da empresa española Cativos, saíu en kaiak ás 18.00 horas dende o porto de Lira con destino a Portocubelo, dando posteriormente voz de alarma a súa muller, pois non tiña noticia algunha do seu paradoiro. Pero algo marca a diferencia deste caso en comparación co dos noises: o corpo de Juan Ricardo foi achado sen vida horas despois da desaparición ao ser localizado frotando nas proximidades da Illa Lobeira Chica (Carnota) polo helicóptero Helimer 401.

Isaac Gaciño asegura que o corpo puido ser máis facilmente atopado que no caso dos noieses, xa que “eran outras condicións meteorolóxicas”: o mar e o vento estaban calmos, ademais de que se contaba con máis luz e, polo tanto, maior visibilidade.

Por outra banda, Emilio Queiruga sopesa que, se o corpo do home non afundeu, pode que se deba a que a causa da morte non foi o afogamento. “Os rapaces afogaron, e cando se afoga, vaise sempre para o fondo”, indica.

Non ten dato algún sobre o acontecido, pero estima que puido morrer por outras causas naturais, como por exemplo, un infarto. Do que si está practicamente seguro é de que “foron mortes completamente distintas”.

No proceso de procura de Juan Ricardo mobilizáronse o helicóptero Helimer 213, a embarcación Salvamar Régulus, a patrulleira do Río Xallas, así como a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

Estes son servizos similares aos que participaron de maneira activa e sen resultados durante a quincena de busca dos corpos dos mozos desaparecidos en Porto do Son, que polo de agora, se manteñen á espera de posibles avistamentos que obriguen á reactivación das súas actuacións. Así pois, como afirman o patrón de O Son e o vicepatrón de Portosín, os mariñeiros e voluntarios son os únicos que se manteñen realmente activos na procura de Javier e Miguel.

21 jul 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito