Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Asinan a ampliación do centro escolar de Ames Agro do Muíño

Esta firma supón a cesión dos terreos á Xunta // Búscase facilitar a escolarización na vila

O Concello de Ames e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional veñen de asinar o convenio de colaboración para a ampliación do CEIP Agro do Muíño. Esta firma supón a posta a disposición da Xunta dos terreos para a ampliación do centro. O goberno local encargarase de outorgar as licenzas de edificación e da limpeza e desbroce da parcela, así como do mantemento das instalacións ampliadas.

O concelleiro de Educación amesán, David Santomil, sinala que “coa posta a disposición dos terreos para o colexio Agro do Muíño facilitarase a ampliación da dotación educativa no Concello e na área de influencia de Bertamiráns, en concreto. Deste xeito, o colexio completará a liña tres de educación primaria e facilitará a escolarización de novo alumnado”, apunta o edil.

Dende o Concello de Ames solicitan, así mesmo, que a Xunta de Galicia “atenda a proposta da comunidade educativa e o consello escolar de que o proxecto de ampliación do colexio responda ás necesidades con espazos comúns e complementarios ás novas aulas”, recalcan. O alcalde de Ames e responsable de Urbanismo, José Miñones, destaca que “coa xestión urbanística realizada imos poder dar cumprimento a outra gran demanda no eido educativo e súmase así ás tramitacións xa realizadas no seu momento para o novo CEIP de Milladoiro ou o IES de Ames”.

Esta será a segunda ampliación do centro escolar Agro do Muíño, xa que nunha primeira fase construíronse tres novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997 euros. En concreto, os traballos consistiron na habilitación de tres aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á clase, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos.

O obxectivo que perseguiu esta actuación “foi atender o importante aumento de alumnos e alumnas a escolarizar na etapa de infantil no municipio de Ames”, subliñan fontes municipais.

Facilitarase a dotación educativa no concello e na área de influencia de Bertamiráns
Pídenlle á Xunta que a obra implique espazos complementarios e comúns ás novas aulas
28 may 2020 / 03:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito