Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Atopar os corpos dos mozos do kaiak é a esperanza das familias tres semanas despois da traxedia

A pesares dos momentos que atravesan, trasladan os seus agradecementos a quen axudou no caso// O pai de Javier Hurtado ansía poder poñer un punto final

Dos noises de 20 anos, Miguel Quán e Javier Hurtado fai xa 3 semanas dos que non se sabe absolutamente nada. Partiron a tarde do luns 6 de xullo dende a praia de Coira en kaiak coa súa compañeira Soraya Luaces con rumbo á illa de Creba, a onde nunca puideron chegar. Amais, ao contrario que a rapaza, os mozos tampouco voltaron xamais aos seus fogares cas súas respectivas familias, que hoxe tanto procuran e ansían poder atopalos e poñer punto final a tal pesadelo que viven.

“Era moi alegre e cando se propoñía algo, sempre suspiraba por iso e conseguía alcanzar a súa meta”, así define Judith Sabana, nai do mozo desaparecido Miguel Quán, ao seu fillo. Judith atopábase en Madrid de pasada cun amigo no momento do ocorrido e en canto recibiu a chamada de alerta non daba crédito, mais cando chegou o martes pola mañá á comunidade galega, afirma “dinme conta de que era real e que o meu fillo xa non estaba”.

Segundo achega, Miguel era un neno moi respetuoso con todas as persoas, mais nunca esperou que tanta xente, sobre todo xuventude, se volcase en apoiar e axudar na causa. Como nos di “sabía que o meu fillo era moi bo e querido, pero non sabía que tanta xente o quixera tanto”.

Considera que o mar é un lugar perigoso para calquera, independentemente de que se teñan coñecementos del ou habilidades atléticas para afrontalo. “O meu fillo era un terremoto e amante do deporte e sei que a auga ten poder e forza, pero imaxino canta forza non puido poñer Miguel para pelexar e defenderse del e non afogar”, apunta.

Aínda que os días e semanas vaian pasando, Judith mantén a esperanza e, ata que non o atope, “sempre pensarei que o meu fillo está nalgún lugar”, asevera. Con todo, perdeu unha parte fundamental da súa vida e aínda que sempre pensou que tería ao seu fillo para coidala, debido á súa minusvalía, hoxe rexeita o que tanto esperaba para os próximos anos con el.

Ademais, e a pesares dos momentos tan duros que atravesan ela e o pai do seu fillo, traslada todos os seus agradecementos á xuventude que tanto demostrou na homenaxe de días pasados en Noia, ao alcalde do concello, á policía e a todas as persoas que estiveron axudando na procura dos mozos. En especial mostra a súa gratitude ao pai de Javier Hurtado, por informalos do proceder dos acontecementos ao non seren ela e o seu exmarido coñecedores do mar e das súas características, derivado da dúa condición de estranxeiros. Achega: “nunca houbo desatención, todo foi unha grande unión e querer cara ambos os dous rapaces”.

“Un mozo normal, coas súas inquietudes, coñecido por ser alegre, moi botado para adiante, a alma de festa e un tipo cariñoso con todo o mundo: de moito abrazo e moito bico, un tocón como nós o chamabamos”, así recorda Javier Hurtado ao seu tamén desaparecido fillo. Para a súa familia, o ocorrido foi un shock total. “Despídeste do teu fillo un día calquera que marcha cos seus amigos á praia como todas as tardes de bo tempo, e de repente ás 21.00 da noita soache o teléfono para comunicarche que desapareceu no mar”, narra.

A incertidume que pasan por non atopar o corpo aínda pasados os 9 días chave na desaparición, afirma “é un segundo pao”. Compara a situación coa dun accidente no que se poida ver envolto un ser querido: “nese caso, chegas ao lugar e, ou che explican o acontecido, ou ti mesmo o ves cos teus propios ollos e, entón, todo ten lóxica; mais cando pasa algo coma isto, e non aparece nada, non hai rastro del aínda que haxa tanta xente deixando a pel sen obter resultados, e pasan tantos días sen atopar nada, quedas cun baleiro e cóstache entender, aceptar e asimilar que nunca xamais volverán”.

A incerteza de non saber nada del é o que peor se leva neste tipo de casuísticas.

Ao contrario que a nai de Miguel, Javier Hurtado non mantén a esperanza de que os corpos vaian a aparecer, xa que, sabendo como sucedeu todo e visto que as autoridades encargadas da procura tiraron a toalla fai moito, a mesma familia baixou os brazos e a intensidade da busca xa é totalmente nula. En base a isto, finca: “estamos empezando a crer que nunca os atoparemos”. Aínda así, cre que axudaría poder localizalos porque, dalguna maneira, a pesares de que serían encontrados en condicións nefastas tras tantos días conservados no mar, tal achado sería “un poder poñer punto final ao ocorrido, un non mirar eternamente á ría e pensar que o meu fillo está aí, un descanso que nos permita pasar páxina e refacer a nosa vida”.

Con ou sen esperanza, as familias non deixan de procurar os corpos dos seus fillos para poder ter un descanso e pechar dunha vez tal historia.

28 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito