Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aumentan os contidos do Vedrea

A web do proxecto acumula actividades e fotos antigas dos veciños e das súas excursións

Dende que arrancou o estado de alarma o pasado 14 de marzo, o Concello de Vedra decidiu poñer en marcha iniciativas que mantivesen ocupada á veciñanza durante o confinamento. Unha das primeiras foi o proxecto Vedrea que, dinamizado desde a acción de voluntariado, trata de crear un espazo colectivo no que reunir cultura e creación, e de “solidariedade e recuperación do noso”, explican dende o goberno local.

Esta proposta toma forma na páxina web vedrea.net e, cada semana, un dos voluntarios vai subindo as actividades e as fotografías que envían as entidades e persoas participantes. Un dos espazos que conforman o proxecto é o banco de recursos. Nel pódense atopar unha exposición virtual chamada As pontes do río Ulla, o caderno Ulla Naturalmente ou as Copláns Ulláns, aportadas pola Asociación Raiceiros.

Pola súa parte, o club olímpico de Vedra compartiu técnicas de carreira e sesións de forza; e Amabul achegou unha iniciativa na que ensinan como se facían antes certos produtos ou procesos, así como un concurso de ideas para divertirse en familia.

A asociación cultural Papaventos participa tamén no banco virtual con varios contos; San Campio colabora con sesións musicais e clases de guitarra; a asociación Senunpeso, con curtas; Judo Vedra, cunha aula virtual; e a Asociación Xuvenil Dorna, co xogo do tempo. Asemade, varias persoas a título individual comparten xogos, clases de pintura e deporte.

A segunda das actividades que integran a mencionada proposta é o mapa emocional, no que xa se poden ver moitas imaxes antigas que amosan eventos importantes para o municipio, como o Entroido, procesións e festas.

Por último, tamén hai moitas fotos no apartado Vedra no mundo, no que os veciños amosan todas as súas viaxes e excursións.

04 may 2020 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito