Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cada cuarto, dedicado á literatura do mar, conta agora tamén cunha banda sonora orixinal // O fundador de Luar na Lubre dirixe este pioneiro proxecto // Asegura que a “idea é facer que o mundo e a vida sexan máis agradables”

Bieito Romero púxolle música ao hotel literario Bela Fisterra

Dende onte, os hóspedes do Hotel Bela Fisterra non só poden escoitar as ondas do mar romper na praia da Langosteira, senón que tamén teñen a oportunidade de gozar nas súas habitacións de dezaseis bandas sonoras orixinais (unha por cuarto) grazas a outro pioneiro proxecto que, baixo a batuta do fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, encheu de música as estancias do primeiro hotel literario de Galicia.

Unha iniciativa que, ademais, nace coa idea de medrar, xa que cada tres meses incorporarán outras dezaseis novas bandas sonoras “que permitirán crear co tempo un gran banco de música, o cal me parece emocionante e marabilloso”, afirmou Bieito Romero onte na presentación do proxecto.

Para a selección apostou por “músicas apegadas á terra” e, sobre todo, pola “calidade”, buscando á súa vez unha relación de cada banda sonora coa temática literaria ou co autor ao que están dedicadas as habitacións do hotel. A escolleita inclúe músicos galegos, pero tamén do ámbito nacional e internacional.

Así, no cuarto Río azul, do que é protagonista literario Ernest Hemingway, soa a canción The Brendan Voyage, do compositor irlandés Shaun Davey, que foi gravada coa colaboración da orquestra sinfónica de Irlanda, sendo solista principal o gaiteiro Lian O’Flynn. Outro grupo irlandés, Clannad, aporta a súa música á habitación Espejo, dedicado ao escritor británico Joseph Conrad.

O coñecido gaiteiro Óscar Ibáñez anima co seu traballo Alén do Mar o cuarto Nautilus, dedicado á obra de Julio Verne, e o músico ceense Fernando Fraga fai o propio coas súas Folcromías, que soan xa na habitación A Odisea, onde lembran a obra de Homero.

A lista complétana os temas Cartas Mariñas, do galego Emilio Cao; Por este río acima, do portugués Fausto Bordalo Días; De mar e terra, de Amancio Prada; Tree of Patience, de Omar Faruk Tekbilek; De Portugal a Galicia: Fado, de María do Ceo; Galiza, de Kepa Junquera; Glen River, de Gwendal; Vieiros e vieiras, historias de peregrinos, de Luar na Lubre; The long black veil, de The Chieftains; Geografías, de Julio Pereiro; City of walls, de Paul Mounsey e Afro Celt sound system, un conxunto de sons celtoatlánticos mesturados con sonoridades africanas.

Bieito Romero agradeceu a aposta feita polo Bela Fisterra “pois non coñezo ningún espazo deste tipo que lle dea esta importancia á música”. Sinalou ademais que o obxectivo deste proxecto “é facer que o mundo e a vida sexan máis agradables”.

Pola súa banda, o xerente do hotel, Pepe Formoso, sinalou que a iniciativa xurdeu coa idea de “complementar a literatura coa música” a través dun proxecto que cualificou de pioneiro e que vén a afondar na aposta pola singuralidade que caracteriza ao establecemento desde as súas orixes.

Cabe lembrar que cada espazo do hotel fai referencia a autores e obras literarias que dalgunha maneira renderon unha homenaxe ao mar. Unha sigularidade que fixo ao Bela Fisterra acreedor de diversos premios nacionais e internacionais, tanto pola súa arquitectura e deseño como polo seu branding e tamén por ser o primeiro hotel literario da Comunidade galega.

Na lista de galardóns figura o Graphis de Oro nas especialidades de Póster e Design e de Plata nesta última categoría tamén; os Premios Nacionales Anuaria; o bronce nos Laus 2019 do ADG FAD; e o shortlist nos Communication Arts Awards. Ademais o proxecto, obra dos arquitectos Creus e Carrasco, representou a España na Bienal Iberoamericana del Diseño 2018. Tamén foi distinguido polo seu branding, realizado por Xosé Teiga Studio, e polo seu contido, obra de Antón Castro, Antón Pombo e Modesto Fraga.

30 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito