Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Sendeiristas de Senda Nova constatan a desaparición de corredoiras na contorna do río Chonia, en terras de Trazo // Ponteceso guiará mañá a veciños e visitantes por Anllóns // Vimianzo organiza o sábado unha ruta polos Penedos

Camiñando de día e de noite para valorar a Costa da Morte

Botarse aos camiños para volver a respirar aire puro, descubrir recunchos cercanos que descoñecíamos, recuperar o contacto co medio natural e aprender a valorar o patrimonio que nos rodea son algúns dos obxectivos das rutas organizadas pola asociación Senda Nova e polos concellos de Ponteceso e Vimianzo.

A décimo primeira Primavera en Ruta levou a pasada fin de semana aos camiñantes de Senda Nova ata as terras de Trazo para gozar da forza do río Chonia. Pero, como ben di o presidente do colectivo ambiental, José Manuel Menéndez, “ao monte hai que ir a algo”, e, por iso, quenes veñen seguindo as súas pegadas nos últimos dezaseis anos gozaron, guiados por Xabier Villar, da beleza do pazo de Vilacoba ao tempo que coñeceron a súa historia. Tamén se achegaron ata o castelo de Portomeiro que, segundo Menéndez, “suma enteiros grazas á recente escavación, e agardamos que o traballo siga en marcha para seguir o estudo deste tipo de aldeas”.

A maioría dos participantes, moitos deles ben coñecedores do territorio, son testemuñas “da destrución de corredoiras e muros de pedra seca barridos polas concentracións parcelarias, e do abandono de muíños, batáns e minicentrais do curso baixo do río Chonia. Merecería ben destacar que pequenos xeradores de enerxía hidráulica habitaron estes lugares a través do patrimonio etnográfico. “Hoxe, habitan derruídos”, sinala o presidente de Senda Nova. Unha situación, engade, que contrasta co actual “modelo enerxético especulativo” no país dos mil ríos, onde “vemos que a solución viña escrita dende fai anos dende estes pequenos produtores e dende o aforro enerxético onde os máis vellos afirman ter tido “lus” nas aldeas próximas a través destas lóxicas solucións”.

Unha proba de que as andainas de Senda Nova son tamén unha oportunidade para a reflexión. Pola súa experiencia, José Manuel Méndez, di botar en falta “un concepto de territorio baseado nun mínimo sentimento e unha certa dose de sensibilidade”, e alerta de que “a desfeita nunca volverá a ser corredoira, pero unha corredoira sempre estará ameazada pola desfeita”.

Pola súa banda, en Ponteceso comezou o programa Camiñar na noite, que na primeira saída levou aos 23 participantes por diferentes recunchos do concello. Guiados polo técnico de Turismo, Javier Couto, antes da saída, Clara Amado interpetou a canción Aleluya. A primeira parada foi na sede da Fundación Pondal, onde foron recibidos polo grupo de gaitas Xa Era Hora, e despois visitaron o conxunto etnográfico e natural de A Brixería, a igrexa de San Bernardo da Graña, onde degustaron un chocolate, e remataron o roteiro na praza do Recheo.

Mañá, día 10, celebrarase a segunda ruta pola parroquia de Anllóns. Partirán ás 22.30 horas do local social e hai que inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas. Terán preferencia as persoas empadroadas. Os interesados deben dirixirse á área de Turismo ou chamar ao número 981 714000. Os menores de idade deberán aportar unha autorización ou asistir acompañados por unha persoa responsable.

En Vimianzo tamén se botarán aos camiños o sábado, día 11, a partir das 10.00 horas. O Concello organizará unha ruta pola paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela. É necesario facer reserva previa a través do enderezo turismo@vimianzo.gal ou a través de Whatsapp no número 604 036617. Para máis información pode consultarse a web municipal www.vimianzo.gal/turismo.

09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito