Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Convocan aos afectados pola senda peonil que conecta o albergue de Ordes co centro

Ordes. A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de convocar para o vindeiro día 1 do mes de xullo aos propietarios dos terreos necesarios para a construción dunha senda peonil entre o albergue de peregrinos de Poulo e o centro de Ordes, coa idea de formalizar as actas de ocupación.

Dado que a dispoñibilidade de terreos é o condicionante para poder iniciar estas obras, o departamento de Infraestruturas publicou onte no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria do acto da formalización das actas de ocupación, despois de realizar o pagamento dos depósitos previos. Con esta convocatoria reactívanse os actos expropiatorios, que se deberán facer sempre seguindo unhas estritas medidas preventivas do risco de contaxio por mor do Covid-19, establecidas nun protocolo de seguridade aprobado polo Consello da Xunta o pasado 8 de maio.

Dita actuación foi recentemente adxudicada á empresa Arias Infraestruturas S.A. por un importe de case 510.000 euros, polo que os labores poderán comezar tras a realización dos actos expropiatorios. As actuacións teñen un prazo de execución de seis meses e consisten na construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada autonómica AC-524, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+500 e 2 para darlle así continuidade ao itinerario xa existente.

A finalidade destos traballos é mellorar “a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar unha mobilidade máis segura, sustentable e respectuosa co medio ambiente”, sinalan dende o Goberno galego. O novo treito conectará coa pousada de peregrinos ordense e permitirá unir outros focos de atracción como os centros educativos IES Nº1, o colexio Alfonso Rodríguez Castelao, os pavillóns polideportivos ou os comercios.

As expropiacións foron autorizadas pola Xunta en novembro de 2019 e son un total de nove as fincas que se ven afectadas. C.E.

02 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito