Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Deputación e Ames colaboran nas obras da Ponte Cabirta

O proxecto vai restituír o paso peonil, reparar o lousado das ribeiras e consolidar a estrutura

Deputación e Concello de Ames tratan de recuperar a Ponte Cabirta. Con esta intención onte opresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente de alcalde do Concello, David Santomil Mosquera, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras de rehabilitación da Ponte Cabirta, na vila amesá.

A actuación conta cun orzamento total de 36.000 euros, dos que 27.000 € serán investidos pola Deputación e 9.000 polo goberno local. O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a repararación do lousado das ribeiras. Nas zonas que o teñan danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase zahorra estabilizada con cal hidráulica.

“A actuación contará tamén con tarefas de desbroce en ambas marxes, nunha franxa de seis metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación da vía, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo”, sinalan dende o ente provincial. Un dos canos contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e o outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

A creación do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha baranda de tubo de 30 milímetros de diámetro na rocha “para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos”, apuntan dende a Deputación.

18 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito