Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Duplican o viñedo na subzona da Ulla
en Rías Baixas con grandes plantacións

A calidade da uva en Vedra e Boqueixón atrae a adegas como Mar de Frades, Rectoral do Umia ou Altos de Torona // Ás 190 hectáreas actuais engádense 145 e outras 55 que están pendentes

Cando alguén chega a unha casa da Ulla o primeiro que ve é como o anfitrión coloca un vaso na mesa e vai a por unha xerra de viño. É terra acolledora. Hai xa uns anos eu avisaba aos amigos que me visitaban que se non lle gustaba o viño non beberan ata o final. Porque en canto o vaso quedaba pola metade meu pai volvía a enchelo. E non é o primeiro que marchaba da casa cunha vinagreira no bandullo. Era un viño natural, sen aditivos, con sabor a uva, rico e fresco, pero moi ácedo. Era aquel que chamaban país ou catalán. Pero os tempos mudaron.

Alá polo ano 2000 cando a Ulla entrou por propio dereito na Denominación de Orixe Rías Baixas eran moitos os que non crían no futuro vinícola dunha comarca que adoitaba beber aqueles rosados ou blancos cunha acidez moi acusada e que incluso chegaban tamén ás tazas ou cuncas que se servían en moitos bares de Santiago. Só aqueles que loitaron para que os viños puideran lucir a contraetiqueta do consello regulador sabían do potencial que unha caste de uva noble podía alcanzar neste terruño e do próspero futuro que podía aportar á bisbarra. E o tempo non fixo máis que darlles a razón.

Pero nun lugar como o val do Ulla, donde o de fóra sempre semella ser máis bonito, convén darlle os méritos a quen os ten. Porque a memoria é fráxil. Poucos lembran aquela comisión presidida por Manuel García, fundador da bodega Pazo de Galegos, con Martín Bermúdez como secretario, e secundados por Manuel Valdés, José Brey e José Alvela Rivelino. Estes homes roubáronlle moitas horas ás súas familias co convencemento de que o proxecto que defendían sería moi positivo para os seus veciños. E así foi. Desde a recollida de firmas ata a elaboración de cartografías, un sinfín de papeleos e moitos atrancos máis, incluídas críticas despiadas desde dentro do propio sector, non doblegaron unha actitude teimuda que tivo en Francisco Bello, daquela presidente de Xóvenes Agricultores, un grandísimo aliado sen o que sería imposible acadar o éxito, e en Manolo Barcala vencellado ó vedrés Pazo de Ximonde, o intermediario ideal para acadar o éxito.

E nestas cousas con difícil explicación, convén sinalar que daquela eran moitos os veciños da Ulla que renegaban do viño con etiqueta que facían as bodegas que teñen á beira da súa casa. Sempre foi mellor o de lonxe. ¡¡Non había albariño como o do Salnés!! E sempre toca aplaudir os logros doutros para minimizar ou incluso ignorar os duns veciños que visto o sucedido co paso do tempo non entendo como aínda non foron obxecto dunha homenaxe. Porque vinte anos despois semella que o mérito destas persoas non merece ningún aplauso nin o recoñecemento dos que hoxe poden ver como entran cartos na súa casa gracias ás viñas e dos que comproban como se crea emprego entre os mozos aforrándolle a búsqueda de traballo na vila ou lonxe da terra.

Pero como pasa moitas veces na Ulla, teñen que vir os de fóra a abrirnos os ollos. E xa hai tempo que o fan. Na última vendima a colleita na subzona da Ribeira do Ulla foi de 1.490.435 quilos pero só 423.000 quilos (o 28,4% da colleita) saíron en botellas das adegas inscritas no consello regulador –Pazo de Galegos (San Pedro de Vilanova, Vedra), Adegas Valdés (Santa Cruz de Ribadulla, Vedra), Bodegas Casa do Sol (San Xián de Sales, Vedra), Barallobre (San Miguel de Sarandón, Vedra), Pazo Arretén (Iria Flavia, Padrón), Castrobrey (Camanzo, Vila de Cruces), Gómez y Rial (Oza, Teo), Adega Gerardo Pampín (Oza, Teo), Castro de Balar (Rarís, Teo) e Viña Marecaste (Rarís, Teo), e este ano sacaron viño Manuel González co seu albariño coa marca Lixeles e Isidro Pernas, un tinto de Pontevea. O resto da uva foi parar a adegas de outras subzonas, a grandísima maioría no Salnés. Ese sitio no que facían un albariño tan bo e que hoxe recurre ás uvas da Ulla para gañar calidade.

Na actualidade as terras da Ulla teñen moitos pretendentes. E deixanse querer. As 189,7 hectáreas amparadas polo consello regulador na subzona –con 265 parcelas e 92 viticultores– vanse duplicar en nada coa ampliación do viñedo dalgunha adega e co desembarco de grandes firmas tanto do Salnés como do Rosal.

E para que ninguén faga caso desa rumoroloxía que fai medrar as fincas en canto o conto vai dunha boca a outra, nada mellor que falar coas propias adegas que están a facer unha firme aposta pola Ulla.

Rectoral do Umia é a única empresa que ten previsto facer adega propia ou centro transformador nos viñedos adquiridos ó pé do Pico Sacro, na parroquia de San Pedro de Vilanova (Vedra). Convencidos de que a a acidez da terra, o clima e a ubicación alonxada das xeadas dará unha grande calidade ós seus viños, mercaron xa 75 hectáreas con certa facilidade porque na zona xa se acometeu a parcelaria e as fincas teñen un tamaño grande o que permite a concentración do viñedo. Pero quere máis. Está agora a negociar para chegar ás 100 hectáreas.

Os traballadores, algúns deles da zona, xa teñen plantados 200.000 metros cadrados e este ano porán viña nunha superficie igual. As previsións apuntan a que en catro anos terán viñedo na totalidade dun terreo, o que permitirá ós peregrinos que veñen pola Vía da Plata ou polo Camiño de Inverno cruzar polo medio desta ampla extensión rodeados de uvas.

A importancia deste bodega é grande porque cos seus viños de Rías Baixas, Ribeiro e Ribeira Sacra chega a 56 países. Sinal de que saben o que fan. E, según palabras do seu director técnico, Antonio Muñoz, apostan pola Ulla “pola calidade extraordinaria da súa uva, senón non nos arriscaríamos”.

Outra das grandes firmas que chegan á comarca é Altos de Torona que controlará, nun principio, un total de 60 hectáreas en réxime de alugueiro na parroquia de Donas (Boqueixón) sen descartar, a priori, a construcción de adega con marca propia. O ano pasado xa plantaron a terceira parte, este ano tócalle a outro tanto e o resto queda para o ano que vén. José Torres, director da bodega da que é propietario Horacio Gómez, o expresidente do Celta, confesa que sabe da calidade da uva despois duns estudos previos na zona e confía en que as xeadas non sexan un lastre.

Altos de Torona tratará de mecanizar o traballo o máximo posible nunha zona que consideran que hai cen anos estaba dedicada na súa totalidade á viña. De feito na Casa Grande de Donas aínda existen cinco lagares catalogados.

Outro caso é o do pazo de Ximonde, unha adega xa asentada con 7,5 Hectáreas en producción. Acaba de adquirir 10 hectáreas máis na zona de San Miguel de Sarandón (Vedra), en fincas colindantes ó pazo, nas que xa se está a preparar o terreo. No mercado conta coa marca Barallobre e outra á que chaman Antonio el Cruel, pero que só se embotella se ten unha grande calidade polo que non sae todos os anos e que debe o seu nome ó pai do propietario ó que lle chamaban dese xeito precisamente por ser todo o contrario, xa que tiña sona de ser moi boa persoa.

Xa coñecida é a presencia doutra das grandes bodegas galegas, Mar de Frades. A técnica de campo Mónica Chaves confesa que xa teñen 30 hectáreas en producción con viñedos dunha década, que estaban moi castigados, e que mercaron hai apenas dous anos. Co albariño ocupando case toda a superficie, este ano teñen pensado inxertar unha hectárea con godello.

Sabendo que os viños da Ulla teñen menos acidez que no Salnés, en Mar de Frades son conscientes de que co cambio climático acádanse maiores graduacións en zonas con altitudes máis baixas e que ó estar cerca do río hai problemas coas xeadas e as néboas e cunhas enfermidades criptogámicas que teñen menos afectación no Salnés que aquí. E aínda así cren na Ulla.

Esta bodega, que moitos recoñecerán polas súas botellas de cor azul, conta cunha leira de doce hectáreas en San Pedro de Sarandón, outra de 10,36 en Santa Cruz de Ribadulla e unha última, esta en réxime de aluguer, de nove hectáreas, en San Miguel de Sarandón.

A subzona da Ribeira do Ulla amparada polo consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas comprende a totalidade do municipio de Vedra; as parroquias de Rumille, Carcacía, Iria Flavia e Herbón, en Padrón; as parroquias de Oza, Teo, Lampai, Bamonde, Rarís, Vilariño e Reis, en Teo; as parroquias de Codeso, Pousada, Oural, Ledesma, Donas e Sucira, en Boqueixón; a parroquia de Bendaña, en Touro; as parroquias de Arnois, Couso, Cora, Oca, Santeles, Paradela, Berres, San Miguel de Castro, San Xurxo de Vea, Ribeira, Riobó, Santa Cristina de Vea, Baloira e Santa Mariña de Barcala, na Estrada; a parroquia de Cira, en Silleda; e as parroquias de Camanzo, Gres e Añobre, en Vila de Cruces.

Os datos non minten. A subzona da Ribeira do Ulla tiña 189,7 hectáreas de viñedo en producción ás que agora se lle suman outras 144,5. A maiores están as 30 de Mar de Frades e as 25 que quere ampliar Rectoral do Umia. Veñen unha vez máis os de fóra a demostrar que a uva desta zona é dunha calidade extraordinaria. E por certo xente que sabe moito desto. Non se trata de afeccionados nin de aventureiros que queiran probar sorte.

E as cousas non son tan sinxelas como semellan. Non é chegar, comprar a leira e plantar. Hai que ter uns dereitos de explotación e só hai dous xeitos de conseguilos. Un deles é o de mercar ou alugar unha finca amparada por outro consello regulador para trasladar a mesma superficie de viñedo á Ulla. Nalgunhas comunidades autónomas como Castilla La Mancha é obrigado declarar dúas colleitas antes de facer o cambio e en outras como Castilla León ou Murcia chega con unha. O outro xeito de acadar este obxectivo é que un viticultor cunha parcela doutro consello regulador decida mercar ou alugar unha finca na Ulla e traia os seus dereitos de producción. Nalgún dos casos que nos ocupan mercáronse os dereitos en Valencia, La Mancha ou mesmo Zamora.

Hai que ter moito interese porque hai que negociar cos paisanos, afrontar un sinfín de papeleos e pagar aproximadamente 3.000 euros por hectárea. E aínda así estas adegas apostan pola Ulla.

Lonxe quedan aquelas críticas dun xornalista tan listo que se cría en posesión da verdade e decía que a Ulla só valía para producir vinagre ou o daquel representante dos consumidores que quería presentar unha denuncia para que Rías Baixas non quixera a esta terra. ¡¡Menudos iluminados!! Hoxe a xente da Ulla ten que estar orgullosa. Pode presumir do seu.

Aqueles cinco atrevidos que pelexaron contra vento e marea, que non se enrugaron diante das críticas e ata os insultos, teñen que sentirse moi reconfortados co que fixeron e ben merecen que teñan un lugar ben destacado na historia dunha zona que gracias a súa iniciativa medra económicamente.

VINTE ANOS. Seguro que daquela nin se imaxinaban que en vinte anos as cousas iban mudar tanto, e ademais para ben. Agora xa só queda que en ningún bar da comarca falte albariño coa contraetiqueta de Rías Baixas feito polas bodegas veciñas e que cando a xente de Vedra, de Boqueixón, de Vila de Cruces, da Estrada, de Silleda, de Padrón, de Teo ou de Touro beba un albariño pida un albariño da Ulla, co orgullo a cara alta e o peito inflado. Porque hai moitos motivos para presumir.

11 jul 2020 / 20:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito