Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Estudan incorporar o coworking da Pobra á rede provincial

Aposta da Deputación para reforzar un espazo para o emprendemento colaborativo sectorial

A sede provincial acolleu onte a primeira toma de contacto entre a Deputación da Coruña e o Concello da Pobra para formalizar un convenio de dinamización do espazo de coworking do Lagar e a futura adhesión á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo do Plan de Emprego Local desa institución.

O deputado da área de Emprego, Xosé Ramón Rioboo, reuniuse co alcalde, Lois Piñeiro, as concelleiras de Promoción Económica, Charo Varela, e Cultura, Patricia Lojo, e a coordinadora do citado plan, Marisa Lista.

A rede provincial de coworkings aglutina distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia e establece uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que a formen.

A Pobra podería sumarase así a Ames, Oleiros, Carballo, Brión, Boiro e Moeche, onde a Deputación impulsa a creación de espazos de traballo colaborativo de carácter sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencialidade de cada zona.

Nesta reunión, Riobóo salientou que “a Deputación da Coruña ten un especial interese en promover o emprendemento e a creación de novas empresas na provincia, motor da nosa economía” e que “desde o Plan de Emprego Local estanse a realizar grandes esforzos por impulsar ás novas empresas e reter o talento novo na provincia”.

O coworking pobrense habilitouse no verán de 2017 e dispón de 10 postos de traballo. Conta cunha superficie de 265 metros cadrados e catro áreas: unha para usos múltiples, unha sala para cursos e informática e dúas zonas Fab Lab (laboratorios de creatividade) nas que se pode acceder ás novas tecnoloxías, como á impresión 3D.

O Fab Lab é unha instalación que vive da mesma filosofía que a do coworking, a do traballo colaborativo e de aprender de outros.

Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer en práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade.

Con esta iniciativa, o Concello da Pobra en colaboración coa Deputación quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento, pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrecen as perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para a comarca do Barbanza.

22 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.