Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Homenaxean a tres ordenses polos bos resultados na ABAU

Quedaron entre os 20 mellores de Galicia // A conselleira de Educación tamén asistiu ao acto

O Concello de Ordes vén de celebrar unha recepción para homenaxear a tres alumnos do municipio polas súas notas sobresaíntes na derradeira Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade. Trátase de Raúl Ríos Pampín, que sacou a calificación máis alta de Galicia cun 9,95 sobre 10, e de Adrián Ovidiu Cocean e Miguel Ángel Boado Fernández, que acadoron un 9,90 e un 9,87 respectivamente, conseguindo situarse entre os 20 mellores de toda a comunidade.

Ao acto, que tivo lugar onte pola mañá, asistiron a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, o alcalde do municipio, Jose Luis Martínez Sanjurjo, e docentes dos centros educativos nos que se formaron os tres estudantes. É o caso do director do IES de Ordes Juan Jesús Fernández Porto, no que os tres cursaron o bacharelato; José Manuel Dopazo Mella, director do IES Maruxa Mella onde Raúl Ríos fixo a ESO; Mª Isabel Graña Pérez, directora do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao; Antonio Ramón González Vaamonde, director do CEIP Campomaior; e Mª José Carballeiro, profesora de Raúl e tamén de Adrián.

A conselleira en funcións quixo aproveitar a recepción para felicitar aos tres estudantes polas súas “notas impresionantes”, que “son moito máis que números”. “Agochan horas de estudo e de sacrificio”, comentou, e “significan un esforzo sostido, un compromiso serio e moita vontade para seguir adiante durante o longo tempo de incerteza que foi o confinameno”. Fixo fincapé na importancia da educación, algo que “ninguén vos poderá quitar nunca”, tal e como lle dixo aos tres estudantes. Neste eido, quixo salientar que “hoxe en día, o que distingue a unha persoa entre a multitude non é o que ten, senón o que sabe”.

Finalmente, aproveitou a recepción para transmitirlle os seus parabéns ás familias dos estudantes polo seu “apoio incondicional e ánimo sen fisuras”, e tamén aos seus docentes, “que vos guían e vos esixen, transmitíndovos os seus coñecementos, pero tamén os seus valores e a súa capacidade de traballo”.

Algo co que tamén concorda Raúl Ríos Pampín, con quen falou hai uns días este xornal polo seu rendemento excepcional na ABAU. El coincide coa conselleira no tocante á situación de incerteza que propiciou o estado de alarma e nas dificultades que supuxo á hora de dar o temario, pero a pesar de todo “non ten queixa” grazas ao apoio dos seus docentes. “Tiven moita sorte coa profesora de Bioloxía”, asegurou, “e en xeral con todos, o de Matemáticas, de Historia, de Filosofía...”. Foi sen dúbida un momento duro para toda unha xeración de estudantes, no que os profesores tiveron que facer un esforzo a maiores para que non repercutise negativamente nas súas carreiras.

23 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito