Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Noia percibirá 1.000.000 de euros da Xunta para rehabilitar o IES Campo de San Alberto // En Melide substituirase a cuberta do CEIP nº 1 e instalaranse novas luminarias // Os colexios da Estrada e Cee tamén se ven beneficiados

Invístense máis de dous millóns nos centros educativos de Área

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de adxudicar obras de rehabilitación en varios centros educativos de Área de Compostela. En concreto, o Goberno galego fará un investimento de 2.210.000 euros nos municipios de Noia, Cee, A Estrada e Melide. A maior axuda deste total irá a parar ao IES Campo de San Alberto, en Noia. E é que segundo publicou a Consellería na plataforma Contratos de Galicia, achegarase un total de 1.013.865 euros para mellorar o centro.

As obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses e se compatibilizarán a partir de setembro co curso escolar, inclúen unha parte de mellora da eficiencia enerxética para o que se contempla o illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS nos panos de fachada. Así mesmo substituiranse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se mudarán as persianas, que serán de aluminio con illante térmico interior. A maiores, instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED e equipos de regulación e detección. Por outra banda, a rehabilitación integral inclúe o cambio dos lucernarios da cuberta, a colocación de novos teitos acústicos anti-reverberación nas aulas e de teito vinílico nos aseos.

O CEIP de Melide nº1 recibirá unha adxudicación de 856.660 €. Neste caso substituirase a cuberta existente na zona de comedor-cociña e na deportiva por unha nova panel sandwich con illamento intermedio de poliuretano. Tamén se illarán as fachadas polo exterior e se cambiarán as fiestras por unhas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Asemade vaise potenciar a accesibilidade instalando un ascensor exterior, unha rampla externa en planta baixa e outra no interior da planta soto.

No municipio estradense as axudas están dirixidas ao IES Antón Losada Diéguez. Serán en concreto 223.363 euros que se empregarán para atender as necesidades de espazo dos ciclos da familia de Automoción que imparte o instituto mediante a adaptación dos talleres no referente ao número de espazos e dimensións dos mesmos. Tamén se atenderán as peticións plantexadas polos módulos de formación profesional que se imparten na actualidade. As obras dividiranse en tres partes. Na primeira delas acometerase a demolición do forxado existente na planta primeira da nave central e construirase, na segunda, un novo para dar soporte á nova aula de electricidade proxectada. Por outro lado, reordenaranse os espazos auxiliares da zona baixa de dúas das naves, o que permitirá dotar aos talleres dun vestiario feminino e aseo adaptado, así como acondicionar un novo masculino.

Por último, o IES Fernando Blando de Cee terá unha achega da Xunta de 135.517 euros. As actuacións consistirán no cambio de cuberta do edificio de talleres situado na parcela do instituto. En concreto está previsto retirar a actual cubrición de fibrocemento por unha nova realizada en chapa metálica sándwich. Así mesmo, substituirase a carpintería de formigón por outra metálica con acristalamento.

O PROTAGONISTA
“é un edificio con bastantes anos”
Santiago Freire
Alcalde de Noia

O rexedor noiés explica que o concello recibe esta adxudicación de xeito moi positivo. “Das distintas actuacións que ten previstas a Consellería de Educación na zona, esta é a que ten o importe máis elevado”, indica, o que permitirá levar a cabo a renovación integral que precisa o instituto Campo de San Alberto. As obras atenderán sobre todo detalles relacionados coa antigüidade das instalacións, xa que se trata dun “edificio con bastantes anos”, expón, e “pasado un tempo vaise apreciando determinado deterioro ou desgaste que con esta actuación quedaría corrixido”. As obras suporán, máis alá da cuestión estética, unha “mellora do que é o consumo tanto de electricidade como de calefacción”, explica Santiago Freire. E é que o proxecto céntrase moito no aumento da eficiencia enerxética e das condicións de climatización. “Cremos que cando esté rematado vai supoñer unha transformación importante dun colexio que ademais está dentro do núcleo urbano”, di.

“É unha actuación que complementa a xa levada a cabo no Colexio Felipe Castro o ano pasado”, explica o rexedor popular, a cal tamén se lle deu un “orzamento moi importante” de arredor de 800.000 euros. “Con este, sería o segundo dos centros da localidade que experimenta unha mellora significativa con investimentos entorno ao millón de euros, ou incluso por riba como é este caso”, indica Freire.

{ A OLLADA }
Volta ao cole
C. Estévez

a xunta de galicia está a implicarse na renovación dos centros educativos da área compostelá. Nunhas semanas darán comezo as clases na “nova normalidade” e multiplícanse os esforzos para facer máis levadeira á volta ao colexio, despois de tantos meses sen recibir clases presenciais. Entre as actuacións de rehabilitación que se van pór en marcha nos municipios de área destacan sobre todo melloras na accesibilidade e na eficiencia enerxética. Dúas cuestións, dende logo, fundamentais en calquera centro educativo actual. Tamén se van atender cuestións básicas como o pintado das instalacións ou o cambio de persianas para que aillen máis o frío e a calor. Trátase, por conseguinte, dunha inversión na calidade de vida do alumnado e do propio profesorado dos centros.

27 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito