Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
medio ambiente. Xa hai 460 familias e 43 grandes produtores do municipio que separan a quinta fracción dos residuos sólidos // Os que desexen sumarse deben cubrir o formulario na web municipal e recoller o kit no concello

Laracha segue a ofertar chaves para abrir o colector marrón

O Concello da Laracha segue sumando veciños e empresas ao proxecto de Voluntariado Marrón, que lle permitiu poñer en en marcha o pasado mes de febreiro o servizo de recollida selectiva da quinta fracción de residuos sólidos urbanos. Está operativo nos núcleos urbanos da capital municipal, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro, de Cabovilaño.

Unha iniciativa que foi impulsada a través dunha campaña informativa titulada Ti tes a chave, coa que animaron á cidadanía a sumarse a este novo colectivo de voluntarios comprometidos co medio ambiente. A cada persoa entregáronlle un kit composto por un cubo ventilado, bolsas compostables e a chave para poder abrir os 150 colectores de orgánicos que están instalados a pé de rúa.

Na actualidade son xa 460 familias e 43 grandes produtores do municipio (establecementos hostaleiros, supermercados e tendas de alimentación) os que están dados de alta como usuarios.

A iniciativa segue aberta a que se sumen máis veciños. Todas as persoas que desexen adherirse tan só teñen que cubrir o formulario dispoñible na web municipal (www.alaracha.gal) ou darse de alta directamente acudindo ao concello (é necesario solicitar cita previa). Os puntos de recollida do kit son a propia casa consistorial e o edificio administrativo da Laracha.

A finalidade desta iniciativa é reducir a cantidade de lixo que se deposita nos colectores xenéricos e poder recuperar os residuos orgánicos na planta de Sogama converténdoos en compost de calidade, segundo informan desde o Concello.

Cómpre lembrar que nos primeiros quince días de funcionamiento do colector marrón de orgánicos, recolleron preto de dúas toneladas de residuos, cunha media superior aos catrocentos quilos en cada recolección (dúas semanais).

Unha nova forma de reciclaxe que evita que os residuos orgánicos acaben nos colectores xenéricos verdes, permitindo así facer unha mellor xestión dos mesmos.

A Laracha e Carballo son, ata o de agora, os únicos concellos da Costa da Morte que implantaron a recollida selectiva da quinta fracción. Para iso contaron coa axuda da Xunta de Galicia e da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama).

COMPOSTAXE. Por outra banda, o Concello larachés ofrece ás persoas que residen no medio rural a posibilidade de participar nun programa de compostaxe doméstica, impulsado tamén coa colaboración de Sogama.

As familias que se sumaron a esta modalidade recibiron de xeito gratuíto os composteiros para que poidan reciclar os seus residuos e elaborar compost para uso propio.

Un servizo que tamén ofertan os concellos de Carballo e Camariñas, nos que segue a medrar o número de fogares que apostan por esta modalidade de reciclaxe. Ademais de recibir os kits para facer a compostaxe, aos usuarios ofréceselles unha formación e un periodo de seguimento para que poidan facela de calidade.

Ademais de obter un abono a partir dos seus propios residuos, as familias que participan destes programas están a contribuir a reducir o volume de lixo que cada día teñen que levar á planta de tratamento de Sogama os respectivos concellos. Isto non só se traduce nunha mellora para o medio ambiente, senón que tamén axuda a rebaixar a factura anual e os elevados costes que supón a xestión deste importante servizo que prestan as administracións municipais.

26 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito