Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Luz verde á licitación do centro sociocomunitario de Pontepedra, en Tordoia

Tordoia. Hai uns meses o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, desvelaba a construción dun centro sociocomunitario no municipio. Onte a Xunta trasladoulle ao rexedor que os trámites da firma electrónica deste convenio de colaboración xa están concluídos, “polo que nas vindeiras semanas se poderán iniciar os trámites necesarios para licitar as obras deste novo equipamento”, apuntaron dende a Consellería de Medio Ambiente.

En total, o Goberno galego destinará 280.000 euros para poder desenvolver ditas instalacións en Pontepedra. Ángeles Vázquez subliñou que esta actuación “execútase ao abeiro do Plan Hurbe, posto en marcha polo Xunta; consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas”.

O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie total duns 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso da veciñanza. Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias.

Dende a Consellería de Infraestruturas lembran que este tipo de intervencións dan cumprimento ao reto da Xunta “de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia, e son unha mostra da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas”.

Estas colaboracións, recalcan dende o Goberno galego, axudan “a frear o despoboamento no rural” ao potenciarse as infraestruturas, servizos e dotacións municipais, e en definitiva “a mellorar o benestar e a calidade de vida” da poboación das vilas e cidades. a.p.

26 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito