Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
conciliación. Dende a concellería de Transición Ecolóxica diminuíron aínda máis o número de prazas permitido pola Xunta// Preto de 50 rapaces e rapazas desfrutaron destas experiencias e outros tantos farano en setembro Paula Pérez Cantelar

Menos nenos e máis seguridade nos campamentos amesáns

Como resultado da pandemia que vén acompañándonos nestes últimos meses, vimos alterada a nosa vida diaria, entrando vixente a “nova normalidade”. Sendo unha normalidade distinta e actualizada, esta adáptase ás esixencias socio-sanitarias, que non nos permite, primordialmente, ter un contacto próximo con grandes núcleos de persoas. É obvio pensar entón que, actividades grupais e de contacto como deportes ou prácticas culturais, son as máis afectadas por esta nova era. Os campamentos dos máis pequenos e pequenas, estiveron no punto de mira estas últimas semanas.

No Concello de Ames, a pandemia derivou en que, aínda tendo programados lúdicos con menor número de prazas (de obrigado cumprimento por imposición da Xunta) en prol de manter unha mellor relación co covid-19, moitos pais e nais rexeitasen a opción de mandar aos seus fillos e fillas por mor da continuidade e dos riscos de propagación da enfermidade.

Debe destacarse que a propia concellería de Transición Ecolóxica que xestiona os campamentos a través da Aula da Natureza, decidiu reducir á terceira parte o número de prazas ofertadas en cada campamento, o que, de feito, baixa aínda máis o ratio de campistas que de por si esixía a normativa. Por iso, preto de 50 rapaces e rapazas de escolas primarias, gozaron do seu campamento e outros tantos poderán facelo en setembro no Kirico, en Fornelos de Montes. “Está claro que fronte á elección de que os nenos e nenas durman ou non durman na casa, este ano, moitas familias optaron por ter aos fillos cerca, de aí a demanda moito maior que tivo o campamento Urbano da Aula da Natureza”, manifestou o concelleiro, Manuel Lens, fundamentado nas circunstancias que atravesamos a día de hoxe nesta nova era.

O xel hidroalcólico e as máscaras acompañaron aos rapaces e rapazas en cada unha destas viaxes ademais dos necesarios traxes de baño ou calzado propio de senderismo.

Os máis pequenos, de 1º e 2º de primaria desfrutaron do día 16 de xullo ao 18, na Granxa Escola Musical Corazón de Carballo no concello de Tomiño, dunha experiencia que, segundo achega a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda: “non puido ser mellor”. Aprenderon a facer queixo, coidaron da horta, alimentaron o gando, fixeron shows musicais e televisivos, e crearon “Minimundos”, uns pequenos ecosistemas para levaren para as súas casas.

Da mellor tirolina de Galicia (ou eso di quen a probou) en Mazaricos, puideron gozar os rapaces e rapazas de 3º e 4º de primaria que se apuntaron ao campamento Naturmaz. Ademais, fixeron paintball, kaiak, e viaxaron nunha manta raia xigante arrastrada por unha lancha zodiac que deixou aos rapaces e rapazas moito máis que abraiados.

Dunha intensa ruta polas Fraguas do Eume tampouco se esquecerá a rapazada de 5º de primaria que acodeu ao campamento da Alvarella, onde tamén practicaron tiro con arco ou kaiak. Alén, realizaron os seus propios refuxios, chamados ‘vivacs’ para pasar unha noite no monte.

Cara a costa, no cámping do Terrón en Vilanova de Arousa, os maiores da primaria, é dicir, a rapazada de 6º, tivo a oportunidade de executar actividades onde coñeceron a fauna mariña e as algas. Amais, puideron durmir en tendas de campaña de tamaños xigantes.

Pendente queda a viaxe a Fornelos de Montes, ao campamento Kiriko, un dos clásicos que nunca defrauda aos pequenos, que nesta ocasión, serán aqueles con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, para os que aínda quedan prazas.

31 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito