Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Menús para máis de dúas mil persoas en situación vulnerable en Carballo

Foron elaborados, de xeito voluntario, polos alumnos da Escola de Hostalaría // Xa pecharon os fogóns e remataron este curso

A Escola Municipal de Hostalaría de Carballo elaborou entre o 28 de abril e o 19 de xuño máis de 2.500 menús para veciños e veciñas do municipio en situación de vulnerabilidade.

Na iniciativa solidaria implicouse todo o alumnado que, de forma voluntaria, participaron na experiencia. Comezaron elaborando 202 menús á semana pero chegaron a superar os 320, servindo unha media de 82 diarios, de martes a venres.

Cociñaron, sobre todo, pratos fáciles de repartir, envasar e quentar para consumir, e incluso elaboraron dietas específicas para as persoas con intolerancias.

O pasado venres apagaron os fogóns da aula de cociña por este curso, e o luns foi unha xornada de avaliación e de agradecementos por parte dos profesores Fernando Agrasar e José Manuel Martínez; do concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, e da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, ao alumnado pola súa implicación e o seu traballo voluntario para axudar ás familias con máis necesidades.

“Malia os atrancos que tivemos, estou moi orgulloso de como rematou o curso”, sinalou José Manuel Martínez. Debido á situación especial vivida pola crise sanitaria “quedounos unha parte do programa formativo sen poder ver, pero do que non cabe dúbida é de que esta experiencia vailles dar moita máis soltura na cociña aos alumnos, e resultaralles moi útil á hora de realizar as prácticas”, engadiu Fernando Agrasar.

Ao orgullo e o agradecemento pola implicación do alumnado sumouse o concelleiro Iván Andrade, ademais de animar aos cociñeiros e cociñeiras a aproveitar as prácticas para que poidan atopar un futuro laboral.

Especialmente agradecida, en nome propio, do persoal de Servizos Sociais e das familias usuarias, amosouse Maica Ures, “porque co voso gran de area, que foi moi grande, axudastes a mellorar a calidade de vida para moitos veciños e veciñas”.

Sinalou ademais que a experiencia foi unha aprendizaxe didáctica para o alumnado, “pero para o resto da sociedade foi unha aprendizase solidariedade”.

Esta foi a segunda promoción da Escola Municipal de Hostalaría que, ao longo do curso, tiveron tamén un contacto directo co público, a través de xornadas de portas abertas, como a organizada antes das vacacións de Nadal, na que pais, nais, parellas, fillos, fillas e outras persoas achegadas dos alumnos pudieron comprobar cunha demostración práctica todo que aprenderon neste curso.

Por outra banda e como cada ano, o remate do curso coincidiu coa chegada do San Xoán, patrón de Carballo. Aínda que a crise sanitaria do covid-19 obrigou a suspender os festexos e non se poideron prender cachelas en espazos públicos, iso non impediu que os carballes gozasen onte ao redor do lume na noite meiga, xa que sí se autorizaron as lumeiras en propiedades privadas, pero con limitacións de aforo.

A Policía Local contabilizou preto de 800 solicitudes de autorización para facer cachelas e cumprir así coa tradición do San Xoán. No houbo premios, pero si sardiñas. O Concello esixiu que as lumaradas se fixesen a un mínimo de 12 metros de edificacións e árbores, e prohibiu as tradicionais fogueiras parroquiais e veciñais.

24 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito