Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Mar de Fábula imparte no seu local obradoiros para concienciar aos máis novos sobre a importancia de coidar os océanos // Citou para o domingo aos voluntarios para limpar coídos en Camariñas // En Carballo recolleron microplásticos en Razo

Nenos de Camelle converten o lixo do mar en obras artísticas

Coa fin de avanzar dentro da “nova normalidade”, a asociación Mar de Fábula retomou as súas actividades ambientais coa posta en marcha duns obradoiros artísticos nos que todos os sábados dos meses de xullo e agosto, os nenos e nenas de Camelle transforman o lixo plástico do mar en creacións artísticas. O obxectivo é “estimular a súa sensibilidade e coñecemento do medio para defender e protexer o que é unha parte fundamental da súa vida cotiá: o seu mar”, afirma Xosé Manuel Barros, coordinador e portavoz do colectivo.

Guiados por dúas voluntarias de Mar de Fábula e coas debidas medidas de protección, os pequenos, valéndose das súas mans e da súa imaxinación, danlle unha segunda vida a uns refugallos que foron recollidos en praias e coídos por membros da asociación e, posteriormente, seleccionados e limpados para agora reconvertelos en obras de arte. “Son rapaces moi espelidos e vese neles que teñen mamado da cultura do mar”, sinala Barros, quen se amosa ademais moi satisfeito “porque deste xeito dámoslle contido e vida ao noso local, que mira cara a praia”.

Un espazo que queren transformar en centro de aprendizaxe non só dos máis pequenos, senón tamén dos maiores, “pois os adultos tamén temos moito que ver coa situación na que se atopan os nosos mares”, engadiu. Por iso, para o vindeiro curso Mar de Fábula, en cooperación coa Universidade Sénior, organizará un curso de sensibilización para maiores, que incluirá unha xornada de limpeza do areal de Camelle.

A asociación retomará tamén este domingo, día 19, os traballos de limpieza e coidado do mar, cunha nova xornada de voluntariado para apañar o lixo mariño espallado nos coídos de Coenda e no Corno, na costa de Camariñas.

Dada a situación sanitaria, as prazas están limitadas a 20 participantes, e cubriranse por orde de inscrición. Os interesados deben remitir un correo a info@mardefabula.es ou chamar ao 608 609042. Os admitidos deberán personarse ás 11.00 horas na estrada que leva ao cabo Vilán, á altura do desvío cara a Reira. Todos os voluntarios deberán levar máscaras e luvas. A actividade conta co apoio do Concello de Camariñas.

A intención de Mar de Fábula é facer todos os meses traballos de limpeza no mar e na ribeira, entre eles unha xornada na praia de Riazor (A Coruña) o 19 de setembro, con motivo do Día Mundial de Limpeza de Praias, “polo que facemos un chamamento aos veciños a participar”, sinala Xosé Manuel Barros.

SORPRESA. Pola súa banda, no marco do programa Eu quero Razo-Baldaio, membros de Adega, o Grupo Naturalista Hábitat e Senda Nova promoveron unha actividade sorpresa no areal de Razo para sensibilizar sobre o problema dos microplásticos. “A actividade tivo unha gran acollida entre as persoas que visitaban a praia e serviu como achegamento a unha grave problemática ambiental que sofren os nosos areais”, aseguran.

E hoxe, dentro do referido programa, comeza no Fórum Carballo un obradoiro de artesanía aberto a toda a cidadanía. Baixo a dirección dos artesáns Fabián Lage e Inés Rodríguez, e co apoio de usuarios de Aspaber, crearán unha escultura que recreará a un arroaz sobre unha estrutura de ferro, que será recuberta con fío de plástico elaborado a partir de botellas de auga cunha máquina deseñada polo referido artesán carballés. Será unha obra colectiva que quedará exposta na praia de Razo para promover a redución do plástico e o coidado do medio ambiente. Debido á situación sanitaria os grupos son reducidos, cun máximo de 20 participantes, polo que os interesados deben consultar o seu turno na axenda da actividade.

16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito