Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Pino arranca mañá as ‘Parolas de Verán’ na carballeira de Gonzar

e clases de debuxo

O Pino. O Concello do Pino estreará mañá a programación da iniciativa Parolas de Verán, un proxecto co que buscan que todas as familias do municipio poidan desfrutar de actividades culturais durante a época estival. Iniciativa que, dende logo, os veciños agradecerán especialmente este verán, que chega tras permanecer meses confinados.

A proposta de mañá terá lugar ás 11.00 horas na carballeira de Gonzar. Trátase dun espectáculo de títeres, dirixido a todos os públicos, que baixo o título Unha armadura con ferruxe, conta a historia dun cabaleiro que queda preso na súa armadura. A familia non sabe cal é o seu verdadeiro aspecto e a muller e o fillo loitan por liberalo.

O centro sociocultural de Castrofeito será o lugar da cita do xoves 16. Ás 11.00 horas os pequenos, acompañados dos seus pais, poderán desfrutar do contacontos A historia de Brancaflor, unha trama chea de historias máxicas, encantamentos, romances e maleficios.

Para o xoves 23 está programado un espectáculo de maxia, escapismo e humor chamado Rogelio. Un payaso en recuperación. Conta a historia dun home que leva encerrado na casa máis de vinte anos e o último paso para que lle den a alta médica é facer rir aos nenos e nenas.

A última proposta de xullo chega o día 30 e trátase dunha actividade musical. Desenvolverase no centro sociocultural de Pereira e leva por título O capitán garfo. É unha actividade totalmente lúdica, xa que asemade de desfrutar da música, a cativada aprenderá a importancia dun almorzo saudable e a facer das froitas e as verduras a parte principal da súa alimentación.

Parolas de Verán continuará en agosto e tamén se porán en marcha obradoiros e clases de debuxo antes de cada espectáculo. O Concello aclaran que poden participar tamén rapaces que non sexan da parroquia na que se realiza a actividade. Para poder participar en cada proposta hai que inscribirse a través do teléfono 981 511065 ou no enderezo cultura@opino.gal. Hai de prazo ata as 14.00 horas do martes anterior a cada actuación. Débese acudir con máscara. A.PRADA.

08 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito