Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Organizarase unha campaña de recollida de alimentos o día 13 na Praza da Maía

A iniciativa forma parte da Xuntanza de Empresarios e do departamento local de Voluntariado amiense

Ames. A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) colabora co departamento de Voluntariado do Concello nunha campaña solidaria de recollida de alimentos. Todas as persoas que desexen participar poden levar os produtos doados aos establecementos dependentes da XEA ou entregalos na gran recollida na Praza da Maía que está prevista para o día 13 de xuño.

A campaña basease, sobre todo, na recollida de alimentos e produtos non perecedoiros. Necesítanse con máis urxencia os destinados aos pequenos como cueiros, leite de inicio, leite de continuación... así como produtos de hixiene (champú, pasta de dentes...) e conservas. “Aínda así compre recordar que se van a recoller todos os alimentos que se doen sen facer ningún tipo de excepción”, apuntan dende o goberno local amesán.

Xa o próximo sábado, 13 de xuño, desenvolverase unha gran recollida de alimentos e produtos na Praza da Maía. Alí, poderá achegarse todo o que queira participar coa súa doazón en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.30 a 20.00 horas.

Posteriormente, os membros do departamento de Voluntariado do Concello serán os encargados de repartir todos as doazóns entre as familias que máis o necesitan. “Ames é un concello solidario, e por iso, a Xuntanza de Empresarios e o departamento de Voluntariado colaboran nesta campaña de recollida de alimentos para que non haxa #NingunFogarSenAlimentos”, reiteran fontes municipais.

TRÁFICO. Noutra orde de cousas, o Concello amesán informa de que entre hoxe e mañá volverase cortar o tráfico en varias rúas de Bertamiráns e do Milladoiro “co obxectivo de favorecer a mobilidade das persoas e poder manter así as distancias de seguridade”. Nas rúas nas que se vai cortar (dende as 16.00 horas de hoxe e ata as 23.00 do domingo) os vehículos poderán igualmente entrar e saír dos garaxes. Dita iniciativa realizarase durante todas as fin de semanas do mes de xuño. “O obxectivo é crear circuítos peonís de mobilidade nos núcleos urbanos”, sinala a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez. A. P.

06 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito