Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TURISMO. Volven as visitas teatralizadas ao castelo coa compañía Os Quinquilláns // Os sábados haberá roteiros polo patrimonio cultural e natural das parroquias // Requirirase facer reserva previa, e os aforos estarán limitados

Paseos guiados para descubrir o Vimianzo histórico e o actual

Vimianzo volve a abrir as súas portas para que veciños e turistas poidan coñecer polo miúdo o municipio e a súa historia a través de visitas e paseos guiados durante os meses de xullo e agosto.

De martes a venres haberá visitas guiadas gratuítas ao castelo (11.00, 17.00 e 19.00 horas), ao castro das Barreiras (12.00 h.), pola capital de Soneira (13.00 h.), aos dolmens (13.00 horas, comezarán no de Pedra Cuberta) e ao porto de Cereixo (18.00 h.).

Unha das novidades da proposta cultural deste ano é que haberá unha persoa para atender aos visitantes, de venres a domingo, no conxunto etnográfico de Os Batáns e Muíños do Mosquetín. As visitas guiadas serán de 11.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas, e os asistentes poderán comprobar in situ como funciona un muíño de auga.

E o sábados estarán dedicados ás paisaxes de Vimianzo, que serán dadas a coñecer a través dun ciclo de roteiros polo patrimonio cultural e natural das diferentes parroquias. Entre outras paraxes, os asistentes achegaranse ata os Penedos de Pasarela, os muíños de Cambeda e a parroquia de Berdoias, e tamén camiñarán pola beira do río Grande. A axenda pode consultarse nas redes sociais do Concello vimiancés.

A ampla e variada oferta lúdica completarase os domingos con visitas teatralizadas ao castelo, da man da compañía Os Quinquilláns. Comezarán ás 12.30 e 17.00 horas, e tamén haberá visitas guiadas ás 11.00 e 19.00 horas.

O inicio de cada visita terá lugar no propio recurso, excepto en Cereixo, onde o punto de encontro será a igrexa. Debido ás limitacións sanitarias, os grupos estarán limitados a un máximo de 25 persoas. Ademais haberá que facer reserva previa e será obrigatorio o uso da máscara durante toda a visita.

A inscrición pode facerse telemáticamente, por Whatsapp (604 036 617) ou por enderezo electrónico (turismo@vimiango.gal), indicando nome completo, dirección postal e número de teléfono.

Dende o Concello aseguran que o obxectivo desta proposta lúdica e cultural é “atraer visitantes para que reverta na economía local de Vimianzo, xa que o turismo forma parte da área de desenvolvemento local”.

VIMIANSOL. Paralelamente, o Concello programou o Vimiansol, un ciclo de espectáculos ao aire libre que abrangue circo, maxia, teatro, música, cine e moito humor.

A primeira cita é o sábado, día 4 de xullo, coa proxección da película O que arde, a partir das 22.30 horas. O cartel no mes de xullo complétano a gala de circo Circando (día 11 ás 21.00 horas); o espectáculo Alquimia co Mago Teto (día 18 ás 21.00 horas), e unha noite de cine con El bebe jefazo (día 25 ás 22.30 h.).

Xa en agosto, o día 1 a compañía Muu abraiará aos asistentes coas acrobacias, saltos e o humor absurdo de Crunch! (21.00 h.).

O dúo Caamaño-Ameixeiras ofrecerá un concerto o día 7 (21.00 horas); Kanhahiota presentará o espectáculo La Coquette (día 8, 21.00 h.); Teatro Calavera representará Pura alegría (día 10, 19.00 horas), e Javi Javichy traerá a función Plato, platito, platete (día 22, 21.00 h.). A maiores haberá tres noites de cine coas proxeccións Estrea de María Solinha (día 9), Spiderman, un novo universo (día 15) e A galiña turuleca (día 29). A cita é ás 22.30 horas.

Todos os espectáculos serán na Praza do Concello e de balde, pero haberá que facer reserva previa debido ás limitacións de aforo. Os interesados poden solicitar una praza na billeteira da casa da cultura, de lunes a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e informarse a través do correo cultura@vimianzo.gal.

01 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito