Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Na Costa da Morte, Educación distinguiu os proxectos doFernando Blanco, de Cee e o Monte Neme, de Carballo // O CIFP Coroso, de Ribeira, e os IES Félix Muriel, de Rianxo, e Antón Losada, da Estrada completan a lista TEXTO J. M. Ramos

Premios para cinco institutos de Área pola súa innovación

Cinco dos trinta centros premiados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo desenvolvemento de proxectos de innovación na FP pertencen a Área de Compostela. Na Costa da Morte, foron distinguidos os institutos Fernando Blanco, de Cee, e o Monte Neme, de Carballo; en Barbanza, o CIFP Coroso, de Ribeira, e o IES Félix Muriel, de Rianxo, mentres que na comarca do Deza, tamén recibiu un premio o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, da Estrada.

O IES Fernando Blanco, de Cee, foi galardoado co Premio de Innovación na FP polo proxecto Plataforma de conectividade coa manobra K2, que foi impulsado polo departamento de Mantemento Electromecánico, en colaboración coas empresas Suministros Técnicos del Noroeste S. L., Recambios Roget e Ascensores Cume 24 S. L.

Desenvolveron unha plataforma que permite realizar simulacións de avarías reais nun ascensor, “impulsando así a forte aposta que o centro educativo fai polo sector dos aparellos elevadores cun recurso didáctico único tamén a nivel autonómico”, aseguran dende o equipo directivo do centro.

Pola súa banda, o IES Monte Neme, de Carballo, foi distinguido na mesma categoría polo seu proxecto emeaei - Espazo multisensorial de experiencias e artes escénicas inclusivas. Na mesma modalidade, o CIFP Coroso, de Ribeira, foi premiado polo deseño dun modelo a escala de unidade de tratamento de Ar (UTA) de baixo custo.

A Consellería de Educación premiou igualmente os proxectos de innovación tecnolóxica e científica desenvolvidos polo IES Félix Muriel, de Rianxo, que creou DiversidApp, unha App de xestión doméstica e promoción da autonomía para persoas con diversidade funcional, e polo IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, da Estrada, pola iniciativa Eco Urban furniture for schools.

Con estes premios, a Consellería de Educación pretende potenciar iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

O obxectivo é a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais, así como a introdución e a aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, mediante o deseño de materiais didácticos, de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, ademais doutros.

Hai que lembrar que, no caso dos institutos de Cee e Carballo, xa recibiron varios premios nos últimos anos polo seu labor innovador. Así, o IES Fernando Blanco gañou o ano pasado o premio Dualiza, convocado pola Fundación Bankia e FP empresa.

Pola súa banda, o IES Monte Neme foi distinguido polo Ministerio de Educación polo proxecto 53RVC10 5.0 - Da industria 4.0 ao Servizo 5.0 desenvolvido conxuntamente co IES Universidade Laboral, de Culleredo, e o CIFP Don Bosco IHII, de Guipúzcoa. Unha iniciativa que impulsaron co apoio da empresa Técnicas de Soft, de A Coruña, e que consistiu na creación dun cobot (robot colaborativo). Outros dos seus proxectos foron galardoados pola Consellería de Educación nos anos 2014, 2015 e 2017.

12 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito