Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reforzo de medios para aumentar a reciclaxe de aceites

Ponteceso vai comezar hoxe outra recollida a domicilio // Carballo renovou os colectores

Os concellos de Ponteceso e Carballo seguen reforzando os medios para facilitar a reciclaxe de aceites de cociña aos seus veciños. No municipio pontecesán comezará hoxe unha nova campaña de recollida de residuos urbanos especiais, porta a porta.

Na primeira xornada os operarios iniciarán o percorrido na estrada de Corme (xunto á ponte) e pasarán polos lugares de Cedeira, Carracido, Couto, Cospindo, A Brixería, Curras, A Matigueira, Balarés, Guxín, Xomonte e Corme Aldea. A campaña continuará polo resto do municipio ata o día 5 de outubro.

Ademais de aceites de cocina, tamén recollerán graxas e manteigas, pilas e baterías, bombillas, electrodomésticos electrónicos pequenos do fogar, consumibles de impresoras, residuos téxtiles, roupa e restos metálicos de pequeno tamaño.

O proceso de implantación deste novo servizo complementarase coa entrega dun díptico a cada familia, un adhesivo coa data de recollida prevista e cunha charla informativa porta a porta. Os interesados deberán depositar antes das 9.00 horas os residuos fóra da vivenda ou edificio, nun lugar accesible.

O aceite depositarase no bidón de cada domicilio e os outros residuos en bolsas ou caixas. Todos serán transportados á planta de reciclaxe de Collecting Oil, no parque industrial de Bértoa (Carballo).

Pola súa banda, no Concello a carballés segue a medrar o número de quilos de aceite de cociña que se reciclan a través dos colectores distribuídos por todo o municipio. Así, a media mensual sitúase xa en 1.378 kg.

Dos oitos primeiros meses de 2020 destacan especialmente os incrementos de marzo e xuño, con 2.003 e 2.060 quilos recollidos, respectivamente. Estas cifras supoñen máis do dobre dos meses de xaneiro e febreiro (935 e 980 quilos), case o dobre de abril (1.070 quilos) e están moi por riba do resto (1.220 en maio e 1.365 en xullo).

Nestes momentos hai 29 puntos de recollida, logo da instalación dun novo colector en Sofán, que se suma aos distribuídos polos barrios da zona urbana e por distintos puntos do rural: Razo, Pedra do Sal (Lema), Berdillo, Ardaña, Sísamo, Feira de Berdillo (Artes) e Imende (Noicela).

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares.

As familias deben depositar o aceite en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas (que poden solicitarse de balde ata fin de existencias, no departamento de Medio Ambiente). Por cada litro que se recolle evístase contaminar uns mil litros de auga.

14 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito