Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Antonio Suárez, Luís Rodríguez e Antonio Fariña, tres mariñeiros da vila, sufriron as penalidades do exilio nos campos de concentración // Héctor Pose recolleu as súas vivencias nun libro // Unha placa lémbraos na Casa do Pescador TEXTO J. Ramos

Sentida homenaxe en Malpica aos deportados a Mauthausen

A vila de Malpica acolleu na noite do venres unha sentida homenaxe a Antonio Suárez Blanco, apodado Coruña; Luís Rodríguez Villa, coñecido como Luís de Rogita e Antonio Fariña Chouciño, Antonio da Rosa, tres mariñeiros que despois da Guerra Civil tiveron que fuxir e, logo de loitar xunto aos aliados na Segunda Guerra Mundial, foron detidos e levados ao campo de concentración nazi de Mauthausen (Austria).

Familiares seus foron arroupados no devandito acto polo alcalde, Walter Pardo e os concelleiros Sergio García Villar, María Manuela Álvarez Rey, Leticia Varela, e Alfredo Cañizo, entre outros; Carmen García Rodeja, representante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica; o patron maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez, e o secretario da mesma, e o escritor malpicán e profesor da UDC, Héctor Pose, quen recolleu as historias vitais dos tres homenaxeados no libro Aquela xente digna, financiado pola Deputación da Coruña e presentado na Casa do Pescador.

O encontro complementouse coa descuberta na fachada da Casa do Pescador dunha placa en recordo dos tres mariñeiros. Ao acto sumáronse tamén numerosos veciños da localidade.

Antonio Suárez Blanco naceu en Malpica o 6 de maio de 1907. Era mariñeiro e pertencía á CNT. Despois do golpe de Estado de 1936, el e outros veciños do municipio malpicán tiveron que fuxir para evitar a represión. Marcharon a Francia, onde foron recluídos nun campo de refuxiados. Logo da ocupación do país por parte dos nazis, foi capturado e enviado ao campo de exterminio de Mauthausen (Austria) e trasladado ao campo de Gusen. Conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio de 1945.

Luis Rodríguez Villa tamén era membro do sindicato de obreiros de Malpica da CNT. Como o seu veciño tamén fuxiu na procura de asilo, e cruzou a fronteira francesa o 7 de febreiro de 1939 xunto con miles de refuxiados. Estivo nos campos de Argelès, San Ciprián e Barcarés. Tomou parte na Segunda Guerra Mundial e, despois de pasar por un stalag (campo de prisioneiros de guerra) en Sileisa, foi deportado a Mauthausen o 24 de xaneiro de 1941. Ao igual que Antonio quedou libre o 5 de maio de 1945 e permaneceu en Francia ata o mes de agosto do ano 1978, cando puido regresar a Malpica de Bergantiños.

Pola súa banda, Antonio Fariña Chouciño fuxiu na embarcación San Adrián xunto co seu irmán Francisco. Estivo no campos de Argelès e Angouleme, de onde foi deportado a Mauthausen en agosto de 1940. Morreu en Gusen o 6 de maio de 1941.

PENURIAS. O escritor Héctor Pose relatou as penalidades que viviron estes tres veciños do Concello malpicán que, ao igual que outros moitos, se viron obrigados a exiliarse e remataron nos temidos campos de concentración nazis. Cualificou de terrible o feito de ter que “deixar atrás a pais, nais e fillos, sen despedirse, apenas roubándolles un bico o unha aperta”. Sería “impensable e terrible”, engadiu, que “por mor de diferencias ideolóxicas máis do cincuenta por cento dos que aquí estamos congregados hoxe tivésemos que abandonar a vila, e non pola estrada, senón océano arriba”. Un feito que, sinalou, “aconteceu ata por tres veces en Malpica entre os anos 1937 e 1938”.

Acontecementos moi duros que todos os presentes coincidiron en que non poden caer no esquecemento para previr que situacións así volvan a repetirse.

Así, o alcalde malpicán, Walter Pardo, sinalou que o acto celebrado o venres na vila mariñeira tiña un dobre obxectivo: “por un lado, queremos renderlle homenaxe a estes tres veciños, que forman parte da historia do noso municipio e, por outro, queremos que a cidadanía de Malpica e, sobre todo, os mozos e mozas, saiban o que pasou naquela época histórica”.

Sinalar que a homenaxe foi organizada polo Concello de Malpica en colaboración coa Confraría de Pescadores e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que leva anos traballando na investigación e dignificación dos galegos e galegas deportados.

o protagonista
“O SEU ‘DELITO’ FOI DEFENDER MELLORAS”
Héctor Pose
Profesor e escritor

O escritor e profesor da UDC, Héctor Pose, lembrou durante o acto que en Malpica, entre os anos 1937 e 1938, “sen disparar un tiro, sen denuncias previas e sen xuízo, 66 mariñeiros tiveron que fuxir mar adentro en básicas lanchas, semellantes aos cayucos de hoxe en día, escapando do cárcere ou do probable axustizamento dunha cuneta, e todo por defender melloras afiliados a sindicatos da CNT e UXT ante as duras condicións laborais”. Sen apenas infraestruturas portuarias, engadíu, “uniron forzas para demandalas. É aí o seu delito”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Aprender da historia
Manuel Lavandeira

coñecer a historia é fundamental para entender o presente e, sobre todo, para mellorar cara o futuro. Aprender do pasado axudaranos a previr erros, e actos como o celebrado en Malpica deben servir para deixar claro que a violencia en ningún caso está xustificada. O respecto ás persoas, con independencia da súa ideoloxía, raza, sexo ou relixión, é unha norma básica para a convivencia e a mellor garantía para evitar que volvan a repetirse historias arrepiantes como as vividas por estes tres mariñeiros malpicáns e milleiros de homes e mulleres que, coma eles, sufriron as penurias dos campos de exterminio e foron vítimas da intolerancia extrema. Miremos cara adiante pero sen esquecer nunca de onde vimos.

23 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito