Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Solta de troitas no couto de Verdes para preservar o ecosistema do Anllóns

Cada tempada acolle a preto de 25.000 pescadores // Desde o 2009 a Xunta investiu case 103.000 € na mellora do espazo

O couto de Verdes, en Coristanco, acolleu onte unha solta de 100 troitas autóctonas cun triplo obxectivo: preservar o ecosistema fluvial do río Anllóns, conservar esta especie piscícola pola vía da repoboación e favorecer o mantemento da práctica da pesca deportiva na zona. Así o afirmou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen, xunto co alcalde coristanqués, Juan García, botou a auga o cento de troitas traídas do criadoiro de O Carballiño.

Lembrou que o referido espazo natural está catalogado como Zona de especial conservación dentro da Rede Natura 2000 e é un lugar moi frecuentado polos afeccionados á pesca deportiva, así como por turistas e visitantes que “acoden atraídos pola súa beleza natural e paisaxística”.

Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou o traballo de control, limpeza e conservación que realiza o seu departamento cada ano nos coutos pesqueiros, consciente da importancia que teñen estes lugares á hora de garantir a preservación dos ecosistemas fluviais nunha comunidade que, sinalou, “atesoura 32.000 quilómetros de ríos”.

Así, no caso concreto do couto de Verdes, polo que cada tempada pasan preto de 25.000 pescadores, a conselleira indicou que desde o 2009 o Goberno autonómico leva investidos neste espazo natural e a súa contorna preto de 103.000 euros. Uns fondos que se traduciron no arranxo e rehabilitación da área de recreo, en tarefas de acondicionamento do propio couto fluvial e na mellora do núcleo recreativo. Con este tipo de accións, segundo a conselleira, “foméntase o coidado dos ríos e favorécese unha actividade con tanta tradición en Galicia como é a pesca”.

Ángeles Vázquez tamén recoñeceu en Coristanco que “estamos en débeda con todos os pescadores”, xa que debido á convocatoria electoral, quedou suspendida a tramitación da Lei de pesca continental, un texto normativo que, engadiu, sairá adiante na vindeira lexislatura e co que se “busca apostar por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza á vez que garantir a necesaria remuda xeracional do sector, a diversidade e a mellora da calidade das nosas augas e dos nosos ríos”.

07 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito