Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Recuperan o distintivo os areais de Laxe e o de Coroso, en Ribeira // En Carballo, Boiro e Ponteceso ondeará por partida triple // Obtiveron o selo de calidade os portos deportivos de Cabo de Cruz, Camariñas e Portosín TEXTO José Manuel Ramos

Turismo de calidade

Catorce das trinta e sete bandeiras azuis que ondearán este verán nas praias da provincia da Coruña estarán en areais do litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo. Un distintivo que garante aos usuarios que a calidade das súas augas é excelente, e que dispoñen de equipos e sistemas de seguridade, unha completa dotación de servizos, unha boa accesibilidade, unha atinada xestión ambiental e nos que prima a sustentabilidade.

De norte a sur, os bañistas verán o distintivo de calidade nas praias de Caión (A Laracha); Barraña, Barraña-Saltiño e Carragueiros (Boiro); Arou (Camariñas); Pedra do Sal, Razo e Saíñas (Carballo); O Ézaro (Dumbría); Laxe; A Ermida, Balarés e O Osmo (Ponteceso); e na de Coroso (Ribeira).

Hai que suliñar que este ano recuperan a bandeira azul os areais de Coroso e Laxe. Este último cabe lembrar que, despois de moitos anos lucindo o distintivo, en 2019 non o obtivo porque o Concello renunciara ao mesmo debido aos elevados custes que lle supoña cumprir con todas as esixencias da Asociación de Educación Ambiental (ADEAC), que é que outorga estas distincións.

Carballo, Boiro e Ponteceso son os únicos concellos da zona nos que a bandeira azul ondeará en tres praias distintas. Ademais, no concello carballés contan cos certificados europeos ISO 14001 e EMAS, que reforzan o compromiso do municipio co desenvolvemento sostible da súa área costeira.

Así, dende a concellería de Praias, que preside Miguel Ángel Vales, marcáronse como obxectivo principal “a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral”. Para isto contan cun sistema informático que facilita os controis de calidade que realizan a diario nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e cun sistema de xestión ambiental que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas “nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente”, aseguran.

A maiores, no litoral de Área de Compostela este ano tamén foron distinguidos como Centros Azuis 2020 o Centro Social de Boiro, o Centro de Interpretación dos Muiños de Auga da Costa da Morte, de Golmar (A Laracha) e o Museo Man de Camelle (Camariñas). O requisito para acceder á devandita distinción é ser un concello con bandeira azul nas súas praias ou portos, e a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas do litoral e o desenvolvemento sostible, así como información ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

En canto aos portos deportivos, das doce dársenas galegas que recibiron dito recoñecemento este ano, tres delas pertencen a Área de Compostela: o Club Náutico Marina Cabo de Cruz (Boiro), o Club Náutico de Camariñas e o Real Club Náutico de Portosín.

SENDEIROS. Asemade, tamén foron distinguidos como Sendeiros Azuis 2020 as sendas litorais de Boiro, Caión (A Laracha), Razo-Baldaio (Carballo) e a ruta que bordea o litoral de Camariñas.

da calidade da gran maioría das praias galegas ninguén dubida, pero obter a certificación da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) é un plus moi importante á hora de atraer turismo. Por iso hai que felicitar aos concellos que se esforzaron, un ano máis, para que nos seus areais volva a ondear a Bandeira Azul. É certo que conquerila require moito esforzo e ten un custe importante, pero trátase dun investimento que aporta un retorno significativo nas economías das vilas costeiras e, a maiores, unha repercusión directa no medio natural, xa que entre os requisitos figura a aposta pola sustentabilidade e o respecto ao medioambiente. O mesmo sucede cos portos deportivos, as sendas litorais e centros azuis. Todo suma.

“Atrae xente e repercute positivamente na economía”

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez, e o seu equipo de goberno tiñan entre os seus obxectivos recuperar a bandeira azul para a praia urbana da capital municipal despois de que o ano pasado, o anterior executivo, renunciase á mesma.

“Sabemos que require dun esforzo importante e que supón uns custes, pero somos conscientes tamén de que un distintivo coma este serve para atraer turistas e iso supón que ese investimento acaba repercutindo positivamente na economía local do Concello”, afirma Pérez Añón.

“Hai moita xente que á hora de elexir un destino para as súas vacacións opta por aqueles lugares de costa que teñen praias con bandeira azul, polo que é un incentivo máis para apoiar ao sector turístico e hostaleiro do noso municipio”, engadiu o rexedor laxense.

Tamén a súa homóloga de Camariñas, Sandra Ínsua, amosou a súa satisfacción por ser o único concello da comarca con catro distintivos azuis (praia de Arou, o Museo Man, club náutico e ruta litoral), e destacou que “esto reafirma a nosa aposta por converter a Camariñas nunha referencia no turismo de proximidade”.

Tamén na Laracha se sinten moi satisfeitos por repetir o triple galardón obtido xa nos últimos anos: praia de Caión, sendeiro de Saldoiro e o Museo de Golmar, como Centro Azul.

15 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
UN
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.