"Queixo", de Álvaro Pérez, mellor tapa de Galicia para o público

Organizada por Turismo de Galicia, a Gala Show Cooking tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela // Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo fíxose co título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023

Foto de grupo dos participantes na VII Gala Show Cooking "Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia"

Foto de grupo dos participantes na VII Gala Show Cooking "Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia" / ECG

ECG

A VII Gala Show Cooking "Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia" celebrada esta noite en Santiago de Compostela foi o peche dunha campaña de Turismo de Galicia para atraer a un turista curioso, inquieto e desfrutón disposto a probar experiencias e ao que lle gusta realizar escapadas en calquera época do ano. A disputa estivo entre sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades: Sheila Martínez do restaurante Roots (A Coruña) con Gyoza de chocos na súa tinta; Álex M. Bacelo e Mar Lago do Bacelo (Ferrol) con Bocado de aldea; Beatriz Alcalá de La Zapatería del abuelo (Ourense) con Canta Castaña; Ana Vilar da Cervexaría Leria (Vigo) con Xema na Fraga; Rubén González de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra) con Vacalao Do cru ao cocinao; Álvaro Villasante do Paprica (Lugo) con Bonito, morrón, cebola e paixón e Álvaro Pérez de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) con Queixo. Cada chef dispuxo dun máximo de 7 minutos para rematar a súa tapa no escenario.

A xornalista María Cheda foi a encargada de conducir a gala á que asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. Na súa intervención, Nava Castro puxo en valor o papel da gastronomía como recurso turístico así como precursora da cultura galega “Falar da gastronomía galega é falar dunha forma de vida. Como poderemos ver neste evento, a través dela expresamos o respecto e o amor polos nosos recursos, por aquelo que fai Galicia unha terra inesquecible “.

A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións. Unha cita consolidada que vai xa pola súa sétima edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega, mais enmarca tamén ditas experiencias en cidades atraentes e dinámicas cunha historia e cultura de seu. 

Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo fíxose co título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023. O seu petisco Bonito, morrón, cebola e paixón. Qué ricos de sabor! foi elixido polo xurado profesional como a mellor tapa entre as sete presentadas, unha por cada cidade galega. O outro gañador foi Álvaro Pérez Blanco de Artesana Gastrobar de Santiago de Compostela que se fixo co premio do público grazas a Queixo.

Lugo

Tapa ganadora: Bonito, morrón, cebola e paixón. Qué ricos de sabor!

Chef: Álvaro Villasante del Restaurante Paprica.

Bio: Natural de Palas de Rei (Lugo), Álvaro Villasante ten unha ampla traxectoria profesional desenvolta a cabalo entre Lugo e Lleida, Tenerife, Miami e Barcelona, onde tivo a oportunidade de traballar con grandes da cociña como Sergi Arola e Anxo Palacios en “A Broche” (Miami); Gonzalo Tamames no “Recuncho de Gonzalo” (Tenerife); Ramón Freixa, en “Racó d´en Freixa” (Barcelona); e Óscar Sabate, en “Eth Taro” (Val d’Arán). Finalmente, as aspiracións de Álvaro levárono a abrir o seu propio establecemento na cidade das murallas no ano 2007. A utilización de produto ecolóxico e de proximidade e o equilibrio entre unha gastronomía moderna e unha gastronomía tradicional, son os principais sinais de identidade da súa cociña.

Tapa: O seu Bonito, morrón, cebola e paixón. Que ricos de sabor! ten como base un bonito do norte mariñado, servido cunhas ceboliñas asadas e un xugo de pementos asados, froita da paixón e tenreira. Despois foron enlazando produtos e a través da intuición, a súa ferramenta chave, desenvolvendo a combinación de sabores.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Tapa ganadora: Queixo.

Chef: Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar

Bio: Nado en Dodro (A Coruña), Álvaro Pérez pasou por algunhas das cociñas máis prestixiosas e recoñecidas da península e do continente, como a de El Bulli de Albert e Ferrán Adrià ou a do Hostal dos Reis Católicos. Álvaro di que a súa cociña non é conceptual, senón máis ben sensible e que naturaliza para que as persoas se sintan cómodas. Non só para os comensais, tamén detrás dos fogóns. Chegou a Compostela seguindo os pasos do seu irmán, quen tamén cursou un ciclo na Escola de Hostalería. Hai dez anos, cando tiña 25 e logo do seu paso profesional por outras cociñas de moita sona, decidiu abrir ArteSana Gastrobar.

Tapa: O petisco, Queixo, leva dous dos elementos gastronómicos que máis gustan aos peregrinos que veñen visitar Galicia: torta de améndoa tradicional, nata e, por suposto, queixo fresco.