O BNG propón un horario sen música alta nas festas adaptado a nenos con autismo

Recórdalle ao alcalde a boa acollida desta iniciativa nos últimos anos, agora non incluída

Imaxe dun ano pasado das Festas da Ascensión

Imaxe dun ano pasado das Festas da Ascensión / ECG

redacción

Coincidindo coa celebración do Día mundial do autismo, o BNG emitiu onte un comunicado lembrándolle ao alcalde a necesidade de levar á práctica as medidas para favorecer a integración de nenos e nenas nos espazos de socialización, como a proposta de ter un horario sen música para que poidan gozar das festas da Ascensión e do Apóstolo.

O PSOE non incorporou no prego de licitación das atraccións deste ano esta iniciativa que tivera tan boa acollida en edicións anteriores e que, ademais, serve para sensibilizar e visibilizar os dereitos das persoas con autismo, síndrome de Asperger e síndrome de Down.

Trátase de que as instalacións e postos de feira non utilicen música nin megafonía, nunha franxa horaria, para facilitar a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e capacidades que teñen alta sensibilidade ao balbordo.

A aplicación desta medida, de acordo coas empresas concesionadas das atraccións, pode realizarse nun horario ou en sesións específicas no calendario de festas de Santiago. Isto compleméntase en que nese tempo non se utilicen foguetes para que poidan gozar das festas con tranquilidade e sen medo.

As atraccións de feira adoitan dispoñer de música e de megafonía a un volume elevado, o que ocasiona un balbordo que a algunha xente e, en especial para as persoas con distintas capacidades, lles impide gozar e participar da festa.

Esta medida do BNG foi aplaudida por varios colectivos sociais de Compostela que ven con acerto que se facilite a participación de xente con este tipo de doenzas.