inventario

O plan director estima que a rehabilitación integral do Pazo de Raxoi custará 19,5 millóns

As actuacións máis urxentes pasan por eliminar o gas radón e mellorar a accesibilidade

Obras no exterior do Pazo de Raxoi

Obras no exterior do Pazo de Raxoi / ECG

ecg

Para rehabilitar de forma integral o Pazo de Raxoi, sede do Concello e da Xunta, serán precisos 19,5 millóns de euros. Así o estima o Plan Director do edificio, que onte foi aprobado na Xunta de Goberno Local. O documento establece tamén que entre as actuacións prioritarias habería que abordar a eliminación do gas radón e melloras na accesibilidade.

O plan director documenta o estado actual no que se atopa o inmoble e os seus elementos patrimoniais; coa análise e diagnose do estado de conservación. Detalla ademais as actuacións que son precisas a curto, medio e longo prazo para o seu mantemento. Dentro dos programas de actuación destacan, segúndo explicou o Concello as relativas á accesibilidade e á eliminación de gas radón no interior do inmoble. O primeiro punto abordarase coa instalacións de plataformaas e ramplas sobrepostos aos elementos arquitectónicos existentes. Tamén se propón substituir os dous ascensores existentes por outros con alta eficiencia enerxética. Para comunicar a planta baixa coas plantas -1 e -2 proponse a realización dunha construción exenta situada no patio que conteña un ascensor e unhas escaleiras. Esta construción tamén podería permitir o paso de instalacións xerais entre estas plantas.

Para a atenuación do gas radón proponse medidas correctoras como un sistema de extracción directa do terreo mediante rede de captación a través de arquetas captadoras e/ou tubaxe perforada a 360º, conectada a extractores; así como a ventilación de espazos creando sobre-presión no interior das estancia. Poderá ser mediante sistema de ventilación xeral do edificio ou zonas, e tamén mediante equipos específicos para tal fin, individuais ou colectivos.

Estas serían as actuacións máis urxentes nun futuro, segundo o documento. O Consorcio xa leva tempo arranxando a fachada do edificio.