Unha avaría provoca cortes de auga nas rúas do Vilar, Franco, Raíña e Fonseca

Segundo a Asociación Fonseca, teñen que sufrir esta situación a miúdo

Os veciños das rúas afectadas, atopáronse con que a auga da traída estaba cortada esta mañá

Os veciños das rúas afectadas, atopáronse con que a auga da traída estaba cortada esta mañá / ECG

Redacción

Cando esta mañá os veciños das rúas do Vilar, Franco, Raíña e Fonseca espertaron, ás 6:00 da mañá, atopáronse con que a auga da traída estaba cortada. Logo, ás 7:40 horas, os veciños e negocios das rúas afectadas recibían unha comunicación da empresa concesionaria Viaqua, na que se lles informaba de que por mor dunha avaría o servizo da auga estaría cortado ata as 12:00 horas.

Segundo os veciños da zona, estas avarías, prodúcense todos os días afectando tanto a veciños como a negocios. Hoteis e pensións teñen que informar aos seus hóspedes que non hai servizo de auga e os bares da zona non poden servir cafés pola mesma razón.

Dende a Asociación Fonseca demandan ao Concello que se poña solución a unha situación, que leva a importantes perdas ao sector da hostalería así como ás molestias que ocasiona aos residentes da zona no seu día a día.