O Concello de Santiago e a Deputación da Coruña asinan o convenio para o primeiro tramo das obras da Vía Verde en Compostela

Este primeiro tramo parte desde a estación da Sionlla e terá unha lonxitude de aproximadamente 2,2 quilómetros.

O alcalde e presidente da Deputación no momento da sinatura do convenio

O alcalde e presidente da Deputación no momento da sinatura do convenio / Concello de Santiago

Redacción

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este xoves en Santiago o convenio para regular a encomenda de xestión á institución provincial da execución das obras da primeira fase das obras da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle no termo municipal de Santiago de Compostela. Ao acto asistiron tamén a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e o deputado provincial responsable da área de Transición Ecolóxica, Desenvolvemento Territorial e Emprego, José Ramón Rioboo.

Este novo tramo forma parte da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle, que engadirá 10 quilómetros aos 26 quilómetros actuais da Vía Verde en Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda e aos 30 quilómetros das sendas existentes en Compostela polas beiras do Sar e do Sarela. Esta primeira fase conta cun orzamento de algo máis de 826.756 euros, dos que a entidade provincial achega arredor de 527.959 euros o Concello de Santiago os 298.787 euros restantes.

Segundo estipula o convenio, esta primeira fase das obras contará cun orzamento de 826.756 euros, dos que a entidade provincial achega arredor de 527.959 euros e o Concello de Santiago os 298.787 euros restantes.

Este primeiro tramo parte desde a estación da Sionlla e terá unha lonxitude de aproximadamente 2,2 quilómetros.

O alcalde salientou que "a posta en marcha da Vía Verde entre Santiago e Cerceda é unha vella aspiración dos concellos da nosa área", e que con este nova fase "os cidadáns poderán facer os 36 quilómetros desta senda máis os case 30 quilómetros das sendas de Santiago, o que supón máis de 60 quilómetros de rutas peonís e ciclables" que "son calidade de vida para a cidadanía e novas alternativas para peregrinos e turistas".

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "a posta en valor das antigas vías de ferrocarril, coa reutilización de 36 quilómetros de vías antigas para conseguir a Vía Verde máis longa de Galicia".

Sánchez Bugallo e Formoso tamén adiantaron a próxima sinatura dun segundo convenio para completar a conexión de Santiago con Oroso, que terá uns 8 quilómetros de lonxitude. Este segundo tramo compostelán será cofinanciado pola Deputación, o Concello de Santiago e o Goberno de España con outros 800.000 euros.

A realización do tramo compostelán da Vía Verde finalizará a conexión do actual trazado, que xa está en funcionamento en Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.

Tamén está en tramitación o proxecto para executar o tramo entre Cerceda e Culleredo, que ten como obxectivo unir A Coruña e Santiago a través da vía verde no futuro.