Comerciantes e veciñanza do Castiñeiriño mobilízanse para evitar quedar cunha soa oficina bancaria

Os negocios do barrio argumentan que as xestións en liña non cobren as súas necesidades diarias

Varios clientes utilizan los cajeros automáticos de una oficina del Sabadell.

Varios clientes utilizan los cajeros automáticos de una oficina del Sabadell. / PILAR CORTÉS

A actual situación de cambio de modelo na banca cara a un servizo maioritario en liña parece estar detrás do próximo peche da oficina que o Banco Sabadell ten no Castiñeiriño. Unha decisión, a da entidade, que mobilizou os negocios do barrio na procura de sinaturas que poidan impedir o peche. “Os comercios da zona”, explica Begoña Viqueira, do estanco Paz Nogueira, en representación dos comerciantes do lugar, “seguimos indo buscar cambio ás oficinas, levar diñeiro, recoller papel para o TPV, etc.”, polo que a banca en liña non é unha solución para estes comerciantes.

Desde o estanco Paz Nogueira, promotor da iniciativa de recollida de sinaturas, “imos ao banco de luns a venres, todas as semanas, porque estas tarefas que mencionei antes non as cobre a banca en liña”, recalca Begoña. Ademais, Viqueira explica que hai un tempo xa se pechou a oficina da mesma entidade en Cacheiras e ao eliminar a do Castiñeiriño “só quedaría a oficina de Xeneral Pardiñas, onde non hai nin lugar para aparcar, e non esquezamos que tamén hai xente maior clienta do Sabadell que non se vai poder manexar coa banca en liña”.

Desta tendencia da banca cara a xestión en liña e dos riscos de desatención de determinados clientes xa alertaban os sindicatos hai tempo, pois o mundo en liña non é accesible a todo o mundo, e tanto para boa parte das persoas maiores coma para as familias coas rendas máis baixas este cambio pode chegar a supor o risco de quedaren excluídas, en termos financeiros.

A pesar desta situación, tanto dos comerciantes coma da veciñanza en xeral, nun barrio que só conta até agora con dúas entidades bancarias, e que en breve contará só cunha oficina de Abanca, o Sabadell non dá explicacións sobre o peche. “Non explican o motivo do cerre”, asegura Begoña Viqueira, “pero nós cremos que é, sinxelamente, o que fai a banca dun tempo a esta parte, minguar os cadros de persoal e aforrar custos”. 

Un aforro que implica, no caso das sucursais do Banco Sabadell en Santiago, que tan só dean servizo na oficina de Xeneral Pardiñas, como apuntaba Begoña Viqueira, unha oficina máis na rúa do Hórreo dedicada exclusivamente a empresas e outra máis, na mesma rúa, carente de servizo de caixa.

A este respecto, en conversa con Arturo Cruzado, da sección de banca do sindicato CC.OO (Comisións Obreiras), EL CORREO GALLEGO puido saber que no mes de xullo o Banco Sabadell vai pechar 34 oficinas en toda España, e unha delas será a do Castiñeiriño, a pesar de que 2021 xa pechou 9 oficinas en total, entre Compostela e os arredores. A razón, explica Cruzado, é que “está a cambiar o modelo de banca cara á banca dixital, establécese un xestor persoal nun horario reducido e afórranse custos fixos, de persoal e de local”.