Raxoi aproba a licitación do proxecto de mellora da zona da Pastoriza

Conta cun orzamento base de licitación de 331.735,79 euros

Plano da localización do proxecto de Pastoriza

Plano da localización do proxecto de Pastoriza / Concello de Santiago

Redacción

A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente das obras de mellora dos accesos á Almáciga no ámbito da Pastoriza. Con esta actuación, que conta cun orzamento base de licitación de 331.735,79 euros, recupérase para uso peonil unha rúa concebida para a circulación rodada. Complétase así a reurbanización da zona, onde xa se executaron os tramos de Santa Clara-Basquiños e Basquiños-Pastoriza, nos que se reduciu o ancho da calzada gañando espazo para o peón.

A superficie de actuación é duns 1.250 metros cadrados. As obras afectan á calzada e beirrarúas da rúa da Pastoriza, no tramo comprendido entre o cruzamento coa Travesía das Pastoriza e o inicio da pavimentación con lousas de granito, 65 metros antes de chegar á praza da Paz. O obxectivo é recuperar como espazo público este antigo camiño de entrada á cidade, convertido na segunda metade do século XX en travesía urbana, rescatándoo para o peón e mellorando a accesibilidade e a fluidez peonil.

Neste tramo da rúa Pastoriza existe unha clara diferenciación entre a beirarrúa surleste, cun maior ancho e coa maioría dos baixos ocupados por locais comerciais, e a beirarrúa noroeste, máis estreita e con acceso unicamente aos portais dos edificios de vivendas. O proxecto mantén a diferenciación entre as beirrarúas, aumentando lixeiramente o ancho de ambas, como froito da modificación do ancho da calzada.

En concreto, para a beirarrúa surleste, o proxecto contempla unha plataforma continua cunha pendente de entre o 2 e o 3%, que parte do nivel da calzada no paso de peóns situado fronte á igrexa da Pastoriza e vai subindo ata enlazar co pavimento de laxas de granito existentes, á altura do portal número 15. Remata cun bordo de granito que a separa da zona de aparcadoiro e colectores soterrados, na que tamén se sitúa o espazo da parada de autobús, a zona de carga e descarga; e o aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Aquí a accesibilidade resólvese cunha rampla cunha pendente do 7,4%.

Plano da localización do proxecto de Pastoriza

Plano da localización do proxecto de Pastoriza / Concello de Santiago

Polo que respecta á beirrarúa noroeste, non presenta problemas de mobilidade ao atoparse toda ao mesmo nivel. Nesta zona, o proxecto contempla a construción dun novo pavimento en substitución do existente que presenta certas irregularidades derivadas da súa deterioración. Neste tramo mellorarase a pendente transversal para facilitar a evacuación das augas pluviais.

O proxecto propón unha pavimentación diferenciada para calzada e beirarrúas. Na calzada contempla un pavimento asfáltico novo para o que levará a cabo a escavación de toda a área, co obxecto de renovar as instalacións existentes e colocar outras novas. Nas beirarrúas proponse un pavimento continuo de formigón gris, adecuado ao tráfico peonil e de facil mantemento.

Outros acordos

O goberno municipal tamén aprobou a memoria e os prezos públicos do "Programa Surf Camp" para este verán. Desenvolverase entre o 30 de xuño e o 7 de xullo de 2022, no albergue de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Conta cun cupo de 30 prazas. O custe por persoa participante é de 120 euros.

Este programa está destinado a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos empadroados no Concello de Santiago. O campamento de verán de Surf, desenvolverase entre o 30 de xuño e o 7 de xullo de 2023. O calendario de preinscrición para participar nas actividades, establécese entre o 22 de maio, ás oito da mañá, e o 2 de xuño ás dúas da tarde. Os pagamentos deberán realizarse antes do 19 de xuño.

En caso de inscribirse un segundo irmán, este último contará cun desconto dun 16%, polo que a cota será de 100 euros, o mesmo que para familias numerosas. Das 30 prazas ofertadas, resérvanse 3 para participantes que proveñan de familias en risco de exclusión social, previo informe do departamento municipal de Servizos Sociais; ás que se lle aplicará un desconto do 100%.

O obxectivo do "Programa Surf Camp" é prestar un servizo á cidadanía máis moza, e facilitar as relacións intepersonais entre eles a través de distintas actividades didácticas, deportivas e de lecer. Trátase dun campamento relacionado co mar, onde se mestura a práctica dos deportes náuticos coa flora e fauna mariña. As actividades programadas organízanse en torno a diversos eixos temáticos como son o xogo, o deporte, a saúde e a calidade de vida, o coñecemento e a cultura, a conservación e o respecto pola natureza. Requiren, todas elas, dun esforzo físico constante debido á práctica continuada de actividades deportivas, como surf, sendeirismo ou snorquel.

Por outra banda, tamén se autorizou o préstamo temporal, a favor do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), de distintos documentos depositados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e no Museo do Pobo Galego, para unha exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios Ramilo, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento.