O recinto ferial de Amio acolle este sábado a XXIV edición da Festa dos Maiores

Volve a cita de referencia para os nosos maiores cun xantar popular a partir das 14:00 horas

Imaxen de archivo da Festa dos Maiores en Amio

Imaxen de archivo da Festa dos Maiores en Amio / Antonio Hernández

Redacción

Un ano máis volve a cita de referencia para os nosos maiores, na que é xa a súa 24 edición, cun xantar popular a partir das 14:00 horas, con sobremesa amenizada polo Grupo Alaska e José Manuel "Abanico" a un prezo adaptado a todos os petos de 7,50 euros. Para facilitar o acceso ao recinto ferial de Amio, o Concello porá á disposición dos asistentes un servizo especial de ida desde a praza de Galicia ata Amio, de 12:00 a 14:00 h, e volta, desde as 17:00 ata as 19:00 h. O xantar contará coa presenza do alcalde de Santiago e un nutrido número de membros da Corporación municipal.

Ademais, na programación das Festas para a xornada de mañá, sábado 20, tamén está o XIII Festival Batebatuke que se desenvolverá a partir das 10:00 h; o ciclo "Escolas de Baile Tradicional", ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, que terá lugar en diferentes espazos da cidade; e a final da XLVI edición torneo da Chave, na Alameda compostelá ás 17 h.

Pola tarde, o Centro Xuvenil Don Bosco ofrece a charla de Chusa Pérez de Vallejo "El tango es una historia" a partir das 16 h, e varios locais da cidade acollerán desde as 20 h as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, o CSC Maruxa e Coralia ofrece un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

Xa cara a noite, o público poderá gozar da boa música coa actuación do Orfeón Terra A Nosa na igrexa de San Domingos de Bonaval ás 20 h e o concerto de Nena Daconte partir das 22:00 na praza da Quintana, patrocinado por Estrella Galicia.

Domingo 21

O último día das Festas arrancará coas tradicionais alboradas, neste caso a cargo da A.V Brañas de Andrés a partir das 10:00 h, hora de comezo tamén da XXII edición da Volta Ciclista da Ascensión, con saída desde a avenida de Xoán Carlos I, unha cita deportiva que volve tras sete anos á Alameda e contará coa participación de máis de 200 deportistas.

O desfile de Batebatuke (13 h), o espectáctulo 'Rock & Magic' do Mago Teto (19 h) e o concerto DJ sinfónico da Banda Municipal de Santiago co artista dixital Pere Vicalet completarán a xornada que ofrecerá como broche final o concerto de Ortiga e Pili Pampín a partir das 22 h na praza da Quintana.

Punto Lila

Como en anos anteriores, está dispoñible un punto lila na Alameda, en horario de oito da tarde a unha a madrugada, co obxectivo de e informar, e protexer, darlle seguridade tanto ás mulleres como ás persoas do colectivo LGTBI.

Durante os días de duración das Festas, a Alameda volverá a acoller as populares atraccións para deleite dos máis pequenos.

Toda información do programa estará dispoñible na páxina web municipal e nas redes do Concello.