Tradicións que hai que cumprir esta semana de Ascensión en Santiago

Dende comer o polbo na Alameda ata o tradicional concurso de Chave, pasando polo desfile de cabezudos // Esta semana son moitas as citas nunha axenda repleta de actividades

As Festas da Ascensión celébranse do 16 ao 21 de maio

As Festas da Ascensión celébranse do 16 ao 21 de maio / ECG

Redacción

Santiago de Compostela vive desde este martes as súas festas máis "picheleiras", as da Ascensión. Unha celebración que encherá a cidade de actividades do 16 ao 21 de maio. Facemos repaso de todas as tradicións que todo bo compostelán non debe deixar de facer nesta semana.

Comer o polbo na Alameda

Non se sabe con certeza de onde vén a tradición de comer polbo na Alameda durante as festas da Ascensión, e hai varias versións sobre cando e como principiou. En calquera caso, hoxe é unha das tradicións máis populares e arraigadas de Santiago, e cada ano reúne centos de persoas que se achegan á carballeira de Santa Susana, na Alameda, para comer e deixarse ver. A campaña electoral de seguro que deixará moitas fotos baixo as carpas, e facendo brindes coas típicas cuncas de viño galegas.

Las carpas populares ofrecen pulpo y churrasco

Las carpas populares ofrecen pulpo y churrasco

Subir á noria

Deseguido, mellor coa dixestión xa feita, pódese aproveitar a visita á Alameda para subir á noria de 52 metros que se eleva no horizonte compostelán. Esta impresionante estrutura de 48 radios, leva dúas décadas instalándose en Santiago durante as festas. É unha das dúas norias non fixas máis grandes de España. Cunha perspectiva única, a medida que se ascende nela pódese ver case toda a cidade desde as alturas e descubrir lugares ocultos a ras de chan.

Vista da noria coa Catedral de fondo.

Vista da noria coa Catedral de fondo. / ECG

Ir aos "caballitos" e xogar ás carreiras de camelos

Outra das actividades que non se pode deixar de facer é a visita obrigada ás atraccións instaladas na Alameda, ás barracas de feira e, como non, botar unha carreira no posto de camelos.

Postos na Alameda de Santiago de Compostela

Postos na Alameda de Santiago de Compostela / ECG

Asistir aos concertos da Quintana

Unha das citas máis esperadas pola mocidade, e non tanto, son os concertos que cada ano se celebran na praza da Quintana. Estas son as citas destas festas:

O martes 16 comezan co concerto Los 40 Santiago Pop, presentado por Tony Aguilar, con actuacións de Marc Seguí, Zzoilo, Miriam Rodríguez, Depol, Hilario, Nerea Rodríguez, Meler, Angy e Mondra. Será a partires das 21:30h.

O mércores 17 será o turno da cantante portuguesa Ana Moura, a musa do fado contemporáneo que vén de ser teloneira na última xira do cantante belga Stromae. Dende as 21:00h.

O xoves 18 actúa Corriente de Golfo co seu jazz latino. A cita principiará ás 21:00h.

O venres 19 será o día do Composfest, no que actuarán Carlangas, Ruxe Ruxe, Nastasia Zurcher e Moncho e Los Apóstoles dende as 20:30h.

O sábado 20 chega a Santiago Nena Daconte. O concerto comezará ás 22:00h.

E xa o domingo 21 cerrarán os concertos na Quintana Ortiga e Pili Pampín, tamén desde as 22:00h.

O locutor e DJ Tony Aguilar presentará o concerto de Los 40 Santiago Pop

O locutor e DJ Tony Aguilar presentará o concerto de Los 40 Santiago Pop / ECG

Ver o desfile de cabezudos

Os cabezudos da Ascensión son unha tradición do século XIX. O Concello de Santiago creou a comparsa para “rivalizar” cos xigantes, que pertencían ao Cabildo compostelán que tamén saían durante as festas.

A tradición sufriu un parón de varios anos, ata que na década dos 80, grazas á proposta do bailarín e concelleiro Antonio López decidiuse recuperalos para as festas santiaguesas. Regresaron cos traxes e cabezas orixinais, recreados grazas a fotos antigas. Os personaxes son ben coñecidos por todos: o alcalde e a alcaldesa, que encabezan a comitiva, os paxes negros ou a Manola.

Este 2023, o desfile de cabezudos celebrarase o día grande da Ascensión, o xoves, partindo ás 12.30h da rúa Nova e pasando pola praza das Praterías, Fonseca, rúa do Franco, praza do Toural, rúa Nova, Caldereiría, praza de Abastos, praza de Cervantes, Santo Agostiño, rúa Travesa, Casas Reais, Preguntoiro, Fonte Sequelo e rúa Nova.

Os cabezudos encherán de cor as rúas de Compostela nas Festas da Ascensión

Os cabezudos encherán de cor as rúas de Compostela nas Festas da Ascensión / ECG

Acudir á feira cabalar

O xoves 18 celébrase a Feria Cabalar da Ascensión no Mercado Nacional de Gando de Santiago, cita ineludible dos amantes dos cabalos. O programa é o seguinte:

10h. Apertura das inscricións na mesa do xurado para as diferentes mostras cabalares morfolóxicas e de andadura galega serrada e chapeada.

10:30h. Andadura galega de tradición en marcha serrada (dous tempos).

11h. Andadura galega de tradición en marcha chapeada (catro tempos)

11:30h. Morfolóxico de cabalos de pura raza galega, sección sementais maiores de tres anos, Gran Premio Dragóns de Santiago do Concello de Santiago de Compostela. Puntúa para a XXII Copa Galicia PRG.

12h. Morfolóxico de eguas de pura raza galega maiores de tres anos. Gran Premio Dragóns de Santiago do Concello de Santiago de Compostela. Puntúa para a XXII Copa Galicia PRG.

12:30h. Morfolóxico de cabalos e eguas percherón e bretón. Gran Premio Cabalo Santiagueiro (sección única).

12:45h. Morfolóxico de ponis (sección única).

13h. – 14h. Grande espectáculo ecuestre de doma Feira cabalar da Ascensión 2023. Exercicios de doma en liberdade, doma de alta escola, doma á vaqueira, doma en rédeas longas, carrusel e fantasías ecuestres. Coa colaboración e participación da sección de doma de alta escola de Galicia ‘Dragóns de Santiago’ da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

14:15h. Fin da feira.

Imaxe da Feria cabalar das Festas da Ascensión, no recinto de Amio

Imaxe da Feria cabalar das Festas da Ascensión, no recinto de Amio

Bailar diante da orquestra

Como bos galegos non podían faltar nas Festas da Ascensión as orquestras. Este ano en Compostela poderase gozar de dúas actuacións:

O mércores, no paseo central da Alameda, a Orquestra Fani Blanco Show comezará ás 22:00h.

O xoves a troula será na Praza do Obradoiro coa Orquestra Panorama que tamén dará comezo ás 22:00h.

Actuación da Orquestra Panorama

Actuación da Orquestra Panorama / ECG

Participar no torneo de chave

Outra das tradicións máis lonxevas das festas é o Torneo de chave, que este ano chega á súa 46 edición. Terá lugar entre o venres 19 e o sábado 20 a carón da Escola Infantil de Santa Susana, a partir das 20:30h.

Vencedores do torneo do ano pasado

Vencedores do torneo do ano pasado / ECG

Cantar nas tabernas

Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna, cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, o CSC Maruxa e Coralia ofrece un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.