Un coro xigante canta en Compostela 'Grândola, Vila Morena'

Preto de mil persoas reuníronse onte na Praza da Música para interpretar de forma coral o himno da Revolución dos Caraveis

Organizouse no mesmo escenario onde tivo lugar, en 1972, a primeira presentación pública da histórica canción de ‘Zeca’ Afonso

Un coro xigante canta en Compostela 'Grândola, Vila Morena'

El Correo Gallego

Como parte das actividades en conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, a praza da Música en Compostela acolleu este xoves a celebración dun canto colectivo de Grândola, Vila Morena, a composición de José ‘Zeca’ Afonso que se convertiu no himno indiscutible do levantamento en Portugal contra a dictadura do réxime de António de Oliveira Salazar. Esta interpretación coral, na que participaron preto de 1.000 persoas, organizouse no mesmo escenario onde tivo lugar a súa primeira presentación pública, en 1972, no marco dun concerto promovido polo estudantado da USC nos terreos que daquela ocupaba o pavillón do Burgo das Nacións.

Esta iniciativa encádrase no programa de conmemoracións que o Concello de Santiago organizou na cidade como “homenaxe ao 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, o movemento pacífico que puxo fin á ditadura salazarista e supuxo a volta da democracia a Portugal”, indicaron dende Raxoi, ao tempo que destacaron que na convocatoria que o Auditorio de Galicia lanzou á cidadanía para participar no cantar colectivo de Grândola, Vila Morena, inscribíronse máis de 900 persoas.

Esta non foi a única actividade que desenvolveu onte en Santiago coincidindo coa conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, xa que o programa organizado por Raxoi continuou ás 20.30 horas no Teatro Principal co concerto 50 anos de abril, un evento promovido pola Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña. O recital reuniu artistas de Galicia e da Lusofonía para celebrar a obra do Zeca e a súa pegada nas culturas galega e portuguesa. Abriu a noite Couple Coffee, un dúo luso-brasileiro conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello, que ofreceron ao público asistente un espectáculo singular con novas sonoridades que van dende o hip-hop ao fado, pasando pola música africana. A continuación, tomaron o escenario do Teatro Principal Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido cunha proposta que afondou na figura e repertorio de Zeca Afonso dende unha perspectiva transgresora e contemporánea. E pechou o concerto Nara e Manuel, o dúo compostelán integrado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, que deleitou ao público coa súa “canção de intervenção”, nunha mestura de melodías galegas e de Zeca con bordóns, loops e outros elementos. 

Actividades na USC

Ademais do Concello, a USC tamén deseñou un amplo programa para a conmemoración dos 50 anos da Revolución dos Caraveis e, na xornada de onte, a Facultade de Filoloxía foi o escenario do acto central, coa presentación do volume 50 anos de Abril na Galiza, por parte dos coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim, e a charla do músico e médico Rui Pato, que contou a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso e Adriano Correia de Oliveira, e as súas vivencias como médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data. 

O volume coordinador por Pazos-Justo e Samartim recolle testemuños de persoas que viviron en directo o levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, como foi o caso do militar de orixe galega Manuel Durán Clemente, quen foi un dos capitáns de abril que levaron ás rúas á revolución.

Rui Pato, pola súa banda, logrou “deleitarnos coas músicas” que interpretaba canda José Afonso e Adriano Correia de Oliveira, subliñou o decano de Filoloxía, Elias Feijó Torres, quen cualificou de “excelente e única” a oportunidade de gozar en directo estas pezas e ademais poder escoitar as súas “leccións para o presente e para o futuro que nos explican o compromiso social dun músico e dun cidadán”.

O evento deste xoves na USC, ao que asistiu tamén a agregada de Ensino da embaixada portuguesa en Madrid, Filipa Soares, pechou a primeira parte do programa de conmemoración do 25 de abril de 1974, cando se derrubou nun día o réxime político ditatorial que existía no país veciño desde 1926. As tres xornadas desta semana estiveron dedicadas a literatura, música e Galicia. O martes, a profesora Izabel Margato analizou os textos literarios que dalgunha maneira anticipaban a revolución antes de que sucedera; e o mércores, o escritor e ex militar Xosé Fortes e a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo dialogaron con Áurea Sánchez e Joel Gômez na sala de actos de Filoloxía sobre como se viviu o 25 de abril do outro lado do río.

Roberto Samartim, esquerda, Elias Feijó e Filipa Soares nun momento da xornada.

Roberto Samartim, esquerda, Elias Feijó e Filipa Soares nun momento da xornada. / Santi Alvite

As dúas xornadas que compoñen a segunda parte do programa, dedicada ao 25 de abril na historia, desenvolveranse os días 7 e 8 de maio. O martes 7, ás 12.00 horas, en Filoloxía terá lugar unha charla co major general Pedro de Pezarat Correia, que explicará como o golpe militar se converteu nunha revolución. E ás 19.15 horas, no Museo do Pobo Galego, haberá un coloquio sobre as transicións ibéricas no que participarán Fernando Rosas, Nieves Lagares e Manuel de Artaza, moderado por Antón Losada.

Xa o mércores 8 de maio, Fernando Rosas ofrece, ás 11.00 horas, na sala de actos de Filoloxía, unha conferencia sobre a memoria histórica do 25 de abril, evento co que conclúe o programa de actividades da USC ligado a Revolución dos Caraveis.