A escola infantil Breogán terá o vindeiro curso máis usuarios de familias alleas á USC

Das 83 solicitudes recibidas, 45 proceden de membros de fóra da comunidade universitaria

Piden financiamento por parte da Xunta e do Concello para non ter que reducir prazas

A escola infantil Breogán atende na actualidade a 77 nenos e nenas, 33 de fóra da USC

A escola infantil Breogán atende na actualidade a 77 nenos e nenas, 33 de fóra da USC / Jesús Prieto

A escola infantil Breogán, situada entre o SEU, a biblioteca Concepción Arenal e o Centro de Supercoputación de Galicia, e xestionada pola USC, terá o curso 2024-2025 un total de 83 usuarios, dos que 45 serán de fóra da comunidade universitaria, segundo os datos da institución académica tras o peche do prazo de presentación de solicitudes o pasado 5 de abril. Trátase dunha “cifra que variará porque se hai vacantes ao longo do curso hai opción de acceso de novas familias usuarias”. 

No presente curso 23-24, das 60 solicitudes presentadas durante o periodo oficial de convocatoria, 21 eran alleas á USC. En cambio, este curso xa pasaron pola escola 81 nenos e nenas, dos que houbo catro baixas. Na actualidade son 77 alumnos, dos que 33 son de fóra da USC.

A escola está orientada a servir á comunidade universitaria –estudantes, PDI e PAS–.Nos anos 80 e 90 “tivo unha demanda moi alta, partindo de que a idade media da nosa comunidade non era tan lonxeva e a natalidade producíase nunha idade máis temperá”, sinala a EL CORREO o xerente da USC, Javier Ferreira. Problablemente con estas circunstancias e a apertura doutras escolas infantís, “a escola infantil Breogán xa non tiña tanta demanda aínda que se mantivo constante”. A súa capacidade máxima sitúase nos 90.

No ano 2018 houbo 86 nenos/as de persoal da comunidade universitaria e nos seguintes anos produciuse unha caída constante. Eran 83 en 2019, 67 no 2020, 54 no 2021, 53 no 2022, 44 no 2023 e 38 no 2024. Sendo o vindeiro ano o terceiro de convocatoria aberta ao público en xeral, será a primeira vez na que haxa máis usuarios de familias alleas á comunidade universitaria.

Javier Ferreira sinala que a parte positiva é “que mantemas un nivel de ocupación alto, o que significa que temos un servizo atractivo para a sociedade”, pero dende a universidade ven con “profunda preocupación” o feito de que no 2018 o custo, similar ao actual, asumíase “como servizo aos nosos profesores, PAS e estudantes e agora iso vai a menos e “tamén prestamos un servizo á sociedade”, polo que requiren de financiamento.

“Cada neno da escola cóstanos 9.000 euros por ano. Se temos arredor de 50 alleos á universidade, significa que estamos financiando á sociedade xeral con 450.000 euros”

Javier Ferreira

— Xerente da USC

O custo en contabilidade analítica publicado na conta xeral do ano 2022 da escola infantil Breogán foi de 750.000 euros, dos que 50.000 corresponden a obras e o resto trátase do gasto de persoal e mantemento. A única administración que proporciona á universidade un aporte é a Xunta de Galicia. Nese ano concreto foi de 63.896 euros. 

Cada neno da escola cóstanos 9.000 euros por ano. Se temos arredor de 50 alleos á universidade, significa que estamos financiando á sociedade xeral con 450.000 euros. Do total nós recibimos 63.000, 1.100 euros por usuario”, explica en detalle Ferreira.

Por este motivo, dende a USC apelan á colaboración de administracións públicas con responsabilidades en materia das escolas infantís, a Administración autonómica e municipal. Se todo continúa así terían que reducir o número de prazas, “porque para dar un servizo de calidade son necesarios máis docentes”.

O xerente da USC incide en que o plan de financiamento da Consellería de Educación non financia á institución por ter unha escola infantil, senón por ter alumnos matriculados, impartir docencia e realizar actividade investigadora. Isto significa, en palabras de Ferreira, que se na actualidade “temos que financiar esta escola con arredor de 400.000 euros a maiores para persoas alleas á comunidade son recursos que temos que sacar dos que precisamos para docencia e investigación”.

Ante esta situación dende a USC agardan que exista “receptividade” para colaborar financeiramente no mantemento da escola.

O 31 de maio publicaranse as listas de usuarios admitidos

Tras o peche de solicitudes para o vindeiro curso 2024-2025 o pasado 5 de abril, a publicación das listas provisionais de solicitudes admitidas a trámite terá lugar o 6 de maio, estendéndose o período de reclamacións do 7 ao 13 de maio. A listaxe definitiva publicarase o 31 dese mes, mentres que o pago da fianza poderá efectuarse do 1 ao 14 de xuño. Finalmente, o 9 de setembro, publicarase a asignación de cotas. 

A escola infantil Breogán estará aberta en horario ordinario de 07.45 a 18.00 horas e oferta tres tipos de xornadas: completa (8 horas máximo de permanencia no centro), media xornada (4 horas máximo) e media xornada + 1 hora (5 horas máximo de permanencia). 

Este é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a sociedade, no seu compromiso social coa conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Dirixe a súa actividade a nenos e nenas de 0-3 anos e a súa liña pedagóxica está baseada, principalmente, na afectividade, na observación, na experimentación e no xogo a través dun proxecto educativo global e integral.